Clúster de Turismo e Turismo de Galicia afrontan a fase final do proceso participativo de diagnóstico do sector

Clúster de Turismo e Turismo de Galicia afrontan a fase final do proceso participativo de diagnóstico do sector

  • O proceso participativo co que se está a elaborar a diagnose do sector turístico galego entra esta semana na súa fase final

 

Clúster de Turismo e a Axencia Turismo de Galicia inician esta semana as que serán as derradeiras mesas de traballo, nas que participan varios profesionais, entre axentes públicos e privados do sector. Nestas 20 sesións, estanse a expor as necesidades e retos para os vindeiros anos, e recóllese información sobre as distintas perspectivas e desafíos que afronta o turismo nas diferentes zonas da xeografía galega.

 

Na programación para os vindeiros días está prevista a celebración das mesas de traballo na Rúa de Valdeorras (Centro Cultural Avenida), Monterrei (Castelo de Monterrei/Hospital da Trindade) e Allariz (Hotel OCA Vila de Allariz). O proceso destas mesas de traballo rematará na capital galega, en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia), o 1 de decembro.

 

Para dar cabida a todos os profesionais do sector turístico e persoas interesadas, tamén se habilitou un cuestionario en liña no que se recollen visión e suxestións. Podes acceder a este a través da páxina https://diagnoseturismo.gal/participa-diagnose, onde tamén atoparás o calendario das mesas de traballo.

 

Elaborando o diagnóstico

 

Ademais, en colaboración coas tres universidades galegas, estase a elaborar unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia, analizando polo miúdo os recursos que constitúen parte da súa oferta diferencial. Esta análise abordará tamén a evolución cualitativa e cuantitativa do sector no período 2016-2023.

 

Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo buscan con este estudo coñecer a foto actual do sector nun momento marcado polos cambios nos hábitos dos turistas, con tendencias marcadas pola sustentabilidade e a dixitalización. Estas cuestións abordaranse no diagnóstico xunto con outros tres aspectos clave: a oferta, analizando polo miúdo os recursos de Galicia que constitúen parte da súa oferta diferencial; a demanda, co obxectivo de coñecer a súa evolución nos últimos exercicios; e a cadea de valor turística de Galicia, delimitando o sector turístico desde un punto de vista empresarial.