Turismo de Galicia vén de estender ata o 2 de marzo o prazo para solicitar as axudas destinadas a fomentar a mobilidade sostible vinculada á oferta enoturística nas Rutas do Viño de Galicia. A medida, publicada no Diario Oficial de Galicia, forma parte dunha liña financiada con fondos NextGeneration EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cun investimento global de 4M€.
Estas subvencións teñen como finalidade reforzar a experiencia enoturística mediante a incorporación de solucións de transporte sostible, mellorando a conectividade entre recursos e promovendo un modelo turístico máis respectuoso co medio ambiente.
A convocatoria estrutúrase en catro ámbitos de intervención. A primeira liña contempla a instalación de estacións de reparación e puntos de recarga para bicicletas e patinetes eléctricos, así como actuacións de restauración paisaxística nas áreas onde se implanten. A segunda céntrase na adquisición de vehículos eléctricos destinados ao préstamo aos visitantes. Ademais, prevese o desenvolvemento dun sistema dixital de xestión dos vehículos, que facilitará a súa operatividade e control, así como unha cuarta liña dirixida á sinalización e á comunicación das experiencias creadas arredor desta nova oferta sostible.
As axudas están dirixidas a titulares de establecementos turísticos de aloxamento e a adegas situadas no ámbito das cinco denominacións de orixe galegas (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) que cumpran cos requisitos establecidos e estean inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia. A tramitación está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, código de procedemento TU503K.