Aprobado o proxecto “A Coruña, sostible e dixital”

A Conferencia Sectorial de Turismo deu o visto e prace a este Plan de Sustentabilidade Turística en Destino presupostado en 3 millóns de euros.

 

O proxecto inclúe accións como a posta en funcionamento dun autobús turístico eléctrico ou a creación dunha oficina turística virtual.

 

Tras conseguir a semana pasada o apoio do Consello de la Xunta, o proxecto co que o Concello da Coruña concorre á convocatoria ordinaria do 2022 do programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino logrou o visto e prace definitivo por parte da Conferencia Sectorial de Turismo na reunión celebrada este martes coa participación, entre outras, da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro.

 

O proxecto A Coruña, sostible e dixital prevé un investimento total de 3 millóns de euros que irá destinado a tres eixos de actuación: a eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade. Están previstas accións concretas como a posta en funcionamento dun autobús turístico eléctrico, que permitirá percorrer a cidade e a súa extensa fachada litoral dunha forma eficiente e cómoda; a creación dunha oficina turística virtual e da tarxeta Coruña card para mellorar a atención aos visitantes; e o desenvolvemento de Coruña SurfCity e doutras propostas para potenciar a cidade como destino sostible vinculado ao mar. O obxectivo é aproveitar todo o potencial natural, patrimonial, gastronómico e histórico da Coruña para erixir á cidade como un referente do turismo urbano, sostible e intelixente.

 

A proposta impulsada desde o consistorio coruñés foi aprobada xunto con outros 27 proxectos de toda España que sumarán un investimento total de 61,4 millóns, dos que 23 serán achegados pola Secretaría de Estado de Turismo e o resto polas comunidades autónomas e as entidades locais beneficiarias.