Catro experiencias TIC no sector turístico abrirán este xoves na Cidade da Cultura o programa #UpDatePeme

ACTIVIDADES

Catro experiencias TIC no sector turístico abrirán este xoves na Cidade da Cultura o programa #UpDatePeme

Impulsada pola AMTEGA en colaboración co Clúster para esta primeira sesión, a xornada ten xa as inscricións abertas

Co obxectivo de servir de punto de encontro entre o sector turísticos e as empresas TIC e continuar traballando na redución da fenda dixital nas empresas turísticas galegas, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) impulsa o programa #UpDatePeme, cuxa primeira sesión estará centrada nas empresas do tecido turístico galego. A xornada, que se desenvolverá o vindeiro xoves, 23 de febreiro, a partir das 19h, constará dunha sesión dunha hora de duración que permitirá aos participantes coñecer de primeira mano catro experiencias de empresas turísticas na implantación de novas tecnoloxías.

O Clúster Turismo de Galicia colaborou na posta en marcha desta primeira xornada na que participarán catro profesionais do sector: Diego Otero de Abramar Viaxes, que falará do impacto dos consolidadores na distribución turística; Merchi Rodal de Apartamentos Rodeiramar 2A, que abordará a súa experiencia na Comunicación 2.0 para turistas; Óscar Fontán, do Hotel Oca Porta do Camiño, en cuxa intervención exporá os sistemas de seguemento de prezos nas distintas canles de comercialización e Rafael Benito do Hotel Hesperia Finisterre dá Coruña, que abordará as ferramentas de venda tecnolóxica dispoñibles para a reserva dun hotel.

Tras as intervencións non faltarán as preguntas nin o debate, pois o obxectivo é expor temas e cuestións de interese para espertar o interese polo produto ou servizo. As sesións complementaranse con gravacións de cada unha das intervencións e artigos divulgativos sobre a aplicación das tecnoloxías mostrada.

Oportunidades TIC para as empresas
O programa, integrado nas actividades do Centro Demostrador TIC da Amtega, ten aberto xa o seu prazo de inscrición a través da web https://cdtic.xunta.gal/. A do próximo día 23 é tan só a primeira do total de cinco sesións que integran o programa #UpDatePeme, nas que catro empresas mostrarán un produto ou servizo tecnolóxico de utilidade para o colectivo. Á dedicada ao sector turístico seguiranlle outro catro centradas noutro tipo de contidos.