O Salón Internacional de Turismo de Madrid, FITUR 2017, pechou as súas portas o domingo con marca de visitantes, máis de 245.000, e tamén con moi boas sensacións no espazo de traballo que, por terceiro ano consecutivo, xestionou o Clúster de Turismo de Galicia na caseta de Galicia. Ao redor de 250 profesionais do sector turístico interesáronse polo destino Galicia e desenvolvéronse máis de 300 encontros profesionais xestionados directamente aos que habería que engadir as axendas de cada un dos turoperadores que participaron neste espazo orientado a profesionais, que tiveron á súa disposición un total de 12 mesas de traballo.
Durante os días dedicados ao sector profesional, do 18 ao 20 de xaneiro, o espazo de Galicia en Fitur acolleu unha intensa actividade de networking que permitiu pechar encontros entre hostaleiros, consultoras, responsables de novas tecnoloxías, portais de xestión de reservas en liña, axencias de viaxes e empresas de receptivo que se interesaron pola oferta turística galega. Este ano levouse a cabo, ademais, contacto con outros Cluster de Turismo como o Cluster de Turismo Rural Asturias, Clúster do Turismo de Monterrei (México) ou o Clúster de Turismo de Romanía, interesados en coñecer o proceso de posta en marcha do Clúster galego.
O exemplo de Clúster galego
Unha gran cantidade de solicitudes de contacto para manter reunións no espazo de networking foron hoteis que mantiveron encontros con axencias e axencias de viaxe en liña como Logitravel, Destinia, Edreams, consultoras e cadeas hostaleiras. Fundamentalmente buscaban información e apoio para implementar novas tecnoloxías ou mellorar a xestión hostaleira, reservas, etc.
O Camiño de Santiago volveu ser un recurso con moito tirón, aínda que nesta edición houbo maior número de contactos relacionados con implementación de servizos para os peregrinos e establecementos interesados en captar fluxo de peregrinos fronte á edición pasada onde era maior o número de axencias interesadas no Camiño. O maior peso en canto á procedencia dos contactos foi española aínda que tamén houbo contactos con empresas procedentes de Italia, Portugal, Suíza, Alemaña, México, Venezuela, Marrocos, China, Inglaterra e Estados Unidos.
Resposta efectiva para os profesionais
Os encontros sucedéronse nas mesas habilitadas para tal fin na caseta de Galicia, en franxas de 30 minutos e co apoio de persoal de asistencia técnica do Clúster do Turismo, que orientou e asesorou sobre as necesidades de cada un dos profesionais que se achegaron a interesarse pola oferta turística galega, derivando a cada solicitante a quen lle puidese ofrecer resposta á súa solicitude.
Desde o Clúster o seu presidente, Francisco González, valorou moi positivamente tanto o incremento de reunións de traballo como a aposta de Turismo de Galicia por este punto de networking para profesionais, que “demostrou dar unha resposta efectiva para o sector turístico galego, que conta cun espazo idóneo para completar o seu traballo en Fitur”.