O Clúster Turismo de Galicia mantén o seu apoio á certificación en calidade e sostibilidade do sector

O Clúster Turismo de Galicia mantén o seu apoio á certificación en calidade e sostibilidade do sector

  • O servizo de consultoría, de carácter gratuíto, facilita a obtención e renovación dos distintivos Q de Calidade e S de Sostibilidade Turística.
  • A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia e está dirixida a empresas e entidades do sector turístico galego.

 

O Clúster Turismo de Galicia renova un ano máis o seu servizo gratuíto de consultoría especializada para a obtención e mantemento das certificacións Q de Calidade Turística e S de Sostibilidade Turística, co obxectivo de seguir acompañando ao sector na mellora continua dos seus estándares de xestión e responsabilidade.

 

Esta iniciativa, que se enmarca nos convenios de colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, está orientada a facilitar ás empresas turísticas o proceso de adaptación aos requisitos necesarios para acceder a estas certificacións, amplamente recoñecidas no ámbito nacional e internacional.

 

A través deste servizo, as entidades participantes reciben apoio técnico personalizado durante tódalas fases do proceso, desde a revisión da documentación e a implantación de melloras, ata o acompañamento nas auditorías externas e a correcta valorización dos distintivos obtidos. No caso da certificación en sostibilidade, o asesoramento inclúe tamén o cumprimento de normas técnicas específicas, como a UNE-ISO 21401:2019, aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

 

Que ofrecen estas certificacións?

 

  • A Q de Calidade Turística garante estándares esixentes na xestión, servizos e instalacións das organizacións turísticas.
  • A S de Sostibilidade recoñece a implantación de boas prácticas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), premiando a aquelas empresas que avanzan cara a un modelo máis respectuoso e responsable coa contorna.

 

As entidades interesadas en acceder a esta consultoría poden manifestar o seu interese enviando un correo electrónico a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com ou contactando a través do teléfono 881 24 74 36.