O Clúster Turismo de Galicia reuniu hoxe aos integrantes do Club de Produto ‘Galicia Destino Sostible’ (GDS) nun evento, que baixo o lema “O valor de avanzar en común”, quixo poñer en valor o compromiso coa sustentabilidade en todas as súas vertentes das máis 130 empresas adheridas á iniciativa, que está a piques de cumprir tres anos.
Na apertura do encontro interviñeron o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; e o alcalde de Cambados, Samuel Lago. O máximo responsable do Clúster sinalou que “Galicia Destino Sostible é moito máis que un proxecto, é unha filosofía compartida, un investimento de futuro para o sector e para o noso territorio” e reafirmou o compromiso do Clúster de “traballar na súa evolución e mellora para convertelo nunha marca vinculada á excelencia”. Cesáreo Pardal adiantou que “queremos incrementar o seu alcance e o seu coñecemento, fóra e dentro de Galicia e por iso, un dos obxectivos deste año é o lanzamento dunha campaña de difusión para que os galegos e galegas coñezan de primeira man a oferta desta plataforma.”
A xornada, que se celebrou nas instalacións das Bodegas Martín Codax, puxo o foco nos retos do turismo sostible e na posta en común de boas prácticas, que os asistentes compartiron nunhas mesas participativas, nas que puideron intercambiar experiencias. O encontro rematou cunha cata, maridaxe, espazo de networking libre e a entrega dun kit de comunicación ás empresas adheridas.
Plans de Acción 2024 e 2025
Na xornada expuxéronse, tamén, as actividades realizadas no marco do Plan de Acción do Club, como a campaña dirixida ao mercado estadounidense; as campañas de difusión en redes sociais, a renovación do portal de GDS; a participación en viaxes de familiarización e prescrición con medios nacionais e internacionais; ou as actividades de formación e apoio á certificación da S de sustentabilidade. Ademais, avanzáronse as actuacións previstas para este ano, como a participación en diferentes feiras e workshops; a posta en marcha dunha nova campaña de difusión, as actividades de formación e asesoramento na certificación, así como actualización dos criterios de adhesión, para adaptar ao Club á realidade actual e seguir mellorando o seu funcionamento.