O Clúster Turismo de Galicia elaborou un primeiro informe de impacto da crise do COVID 19 sobre o sector turístico galego no que expoñen unhas perdas de polo menos 2.476 millóns de euros, que se traducirían nunha caída do PIB turístico do 33,2% e do 3,9% no cómputo total do PIB galego no escenario máis optimista. En termos de demanda, a chegada de viaxeiros reduciríase en torno ao 50%, con caídas superiores aos 2,5 millóns de viaxeiros mentres en que en emprego, o informe expón a perda de entre o 22% e o 26% do emprego, o que se traduciría na destrución de entre 27.230 e 32.181 postos de traballo en Galicia. Unhas previsións que poderían ser mesmo máis negativas, ao poder darse picos de perda de emprego superiores, entre o 40% e o 50%, en función da evolución da crise e os tempos que as autoridades sanitarias establezan para a recuperación da actividade turística.
O informe foi elaborado polo Clúster Turismo de Galicia a partir dos documentos e previsións de entidades como a Organización Mundial do Turismo (OMT), o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Foro Económico de Galicia, a Mesa do Turismo, Exceltur, Bain & Company e EY, Deloitte ou McKinsey & Company.
A partir dos datos e estimacións destas entidades, o Clúster Turismo de Galicia expón até catro posibles escenarios de evolución desta crise para o sector turítico galego no que a demanda turística refírese. Cabe destacar, neste sentido, que partimos de que Galicia recibiu o ano pasado 5,1 millóns de viaxeiros:
Escenario 1:
É o escenario máis positivo, pois contempla un levantamento do confinamento entre finais de abril e comezos de maio, o que daría lugar a unha rápida recuperación da demanda nacional (sobre a teoría de que non habería limitación na circulación das persoas dentro do territorio nacional). Neste escenario, pouco probable, Galicia pecharía o ano con 2,6 millóns de viaxeiros e alcanzaría unha rápida recuperación en 2021 por efector do Xacobeo até alcanzar os 4,1 millóns de viaxeiros.
Escenario 2:
Contémplase a aparición dun rebrote do COVID no outono que frea a recuperación, aínda que a reacción é máis rápida ao estar mellor preparados a nivel sanitario, económico e social. O efecto do Xacobeo permite salvar a segunda metade de 2021. Como consecuencia de todo iso a caída de viaxeiros a Galicia é máis acusada en 2020, baixando até os 2,3 millóns e a recuperación en 2021 máis suave, até alcanzar os 3,5 millóns.
Escenario 3:
Levántase o confinamento a mediados de maio. Neste escenario a curva de recuperación é máis suave, cunha recuperación da demanda máis lenta do mercado internacional. A caída é máis grave en 2020 e deixa un número de viaxeiros en torno a os 2 millóns mentres que a recuperación é máis rápida en 2021 e Galicia alcanza os 3,6 millóns.
Escenario 4:
É o escenario máis pesimista. A aparición dun rebrote no outono e a lenta recuperación da situación fai complicado estimular a demanda. O efecto do Xacobeo logra tirar da pendente de recuperación nacional na segunda metade de 2021. A caída de viaxeiros sitúanos por baixo dos 1,8 millóns de viaxeiros e a recuperación en 2021 é máis moderada, quedando en 2,9 millóns de viaxeiros a finais do Ano Santo, menos do 50% do obxectivo inicial pre-crise, que establecía alcanzar o seis millóns de viaxeiros.
O informe sinala, pois, que no escenario máis postivo, Galicia perdería en 2020 1 de cada dous turistas mentres que, de producirse o escenario máis negativo, perderíanse dous de cada tres viaxeiros este ano.
Análise continuada e evolución da crise
O informe elaborado polo CTG expón, pois até catro escenarios de evolución da demanda de viaxeiros que poida recibir Galicia no horizonte de 2020-2021 pero desde o Clúster son conscientes de que estas previsións están suxeitas a continuos cambios e correccións, tal e como fixo Exceltur na súa proposta de evolución para o conxunto do sector turístico español.
Neste sentido, e tal e como explica o presidente do CTG, Cesáreo Pardal, “o informe parte dunha análise a día de hoxe da situación actual da oferta e a demanda en Galicia marcado polo peche obrigatorio de establecementos, a crise de confianza e a limitación na libre circulación de viaxeiros que dá como consecuencia unha retracción da demanda, crise económica e cambios normativos cuxas consecuencias imos ir vendo aos poucos”, explica.
Calendario de desescalada
“Neste difícil contexto o informe debuxamos até catro escenarios, de máis a menos positivo, co obxectivo de pór negro sobre branco de que impacto económico e laboral estamos a falar sobre o turismo en Galicia”.
Queremos que as diferentes administracións sexan conscientes do peso do noso sector e da importancia de medir moi ben o calendario de desescalada para un sector econonómico vital para Galicia como é o turismo, para mitigar no posible o impacto desta crise”.