Sete responsables dos principais clubs de golf de Londres visitan estes días Galicia, coñecendo en profundidade as instalacións e a oferta dos clubs de golf de Oca Augas Santas en Lugo, Mondariz, Meis e Santiago, que captaron o interese dos profesionais británicos que se desprazaron até o noso territorio dentro do fam trip promovido por Celtic Spain Gofl & Wellness.
A visita desenvólvese desde onte e continuará até este próximo sábado co obxectivo de dar a coñecer Galicia no mercado británico como destino perfecto para o goce dun paquete combinado de práctica do golf, termalismo e gastronomía.
Trátase da segunda das accións posta en marcha por esta iniciativa CELTIC SPAIN GOLF & WELLNESS, promovida no marco do concurso de ideas do Clúster Turismo de Galicia a proposta da Asociación Galicia Destino Golf, Asociación Balnearios de Galicia, Oca Hoteles e Hotel Carlos I, coa colaboración de Turismo de Galicia.
Ao longo do catro xornadas do fam trip, os profesionais dos clubs de golf londinienses Stockley Park Golf Club, Finchley Golf Club, Wycombe Heights Golf Club, Houghton-le-Spring Golf Club, Indian Golf Society e Club Español de Golf teñen a oportunidade de coñecer algúns dos paquetes turísticos creados dentro deste programa, que combinan golf con hoteis/balnearios que se atopan dentro da iniciativa (Oca Hoteles, Hotel Carlos I Silgar, Oca Augas Santas Balneario Golf & Resort, Hotel Balneario Laias Caldaria, Termas de Cuntis, Balneario de Mondariz, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Novo Astur, Balneario Eurostars Gran Hotel La Toja e Eurostars Isla de la Toja), así como as axencias de viaxes Abramar Viajes e Viajes Interrías. Todo iso co fin de como descubrir a contorna e a gastronomía galega de primeira man, acompañados de responsables dos diferentes clubs de golf, hoteis e balnearios nos que gozan da súa estancia. E, por suposto, practicar o deporte que lles trouxo até aquí.
Neste sentido, o secretario xeral de Galicia Destino Golf, Javier de la Cerda, destacou a importancia deste tipo de viaxes de familiarización, que permiten que os responsables dos clubs de golf coñezan persoalmente as particularidades de cada campo de golf, “só coa práctica coñécese realmente as particularidades de cada campo, e iso é algo que ten que experimentar eles, só así poderán recomendar aos seus asociados que viaxen a Galicia”, destacou.
No fam trip acompáñalles, ademais, o presidente do Centro Galego de Londres, Nicolás Miño, que exerceu de anfitrión no encontro previo que os empresarios galegos mantiveron o mes pasado en Londres para dar a coñecer esta proposta de turismo.