O Centro de ABanca en Santiago acolleu a xornada de apertura oficial do IV Plan de Formación que o Clúster de Turismo de Galicia (CTG) pon en marcha para o próximo trimestre e que suporá o despregamento de máis dunha vintena de accións formativas que se desenvolverán en dez localidades galegas do catro provincias. O programa, cuxos contidos se impartirán de forma gratuíta previa inscrición, busca mellorar a competitividade dos profesionais turísticos a través da calidade na prestación e na xestión da actividade turística, cumprindo así un dos obxectivos fixados na Estratexia do Turismo de Galicia 2020, tal e como destacaba a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que participou na xornada de presentación.
Neste sentido Nava Castro destacou precisamente o compromiso do goberno da Xunta para garantir un sector profesionalizado que responda as necesidades do mercado, “conseguindo que Galicia sexa un destino cada vez máis apreciado e máis competitivo, explicou. Un obxectivo que administración pública e sector comparten plenamente impulsando a excelencia nos servizos turísticos a través dunha formación cada vez máis adaptada, personalizada e próxima.
O secretario do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, pola súa banda profundou en que, ao longo deste tres edicións anteriores do plan de formación do CTG, “conseguimos ofrecer formación gratuíta a máis de 800 profesionais do sector e estamos convencidos de que este ano superaremos o milleiro de persoas que participasen nalgunha das nosas iniciativas”, asegurou á vez que a responsable de Relacións Institucionais do IESIDE, Carlta Sánchez-Montaña, destacou tanto a gratuidade como a amplitude de temáticas e a distribución territorial das formacións que se van a ofertar este próximo trimestre.
Con esta iniciativa no ámbito formativo, o Clúster Turismo de Galicia busca seguir profundando na cualificación dos equipos humanos do sector turístico galego, con especial énfase nos cadros directivos das empresas, para os que se concibiu o Programa de Desenvolvemento Directivo que se celebrará en Santiago de Compostela ao longo de 100 horas de formación durante os martes e mércores pola tarde entre os meses de setembro, outubro e novembro.
Ampla diversidade de temáticas
Entre as temáticas que abordarán as diferentes accións formativas cóntanse as tendencias globais na internacionalización de destinos, a mercadotecnia dixital, a excelencia no servizo ao cliente, as habilidades de comunicación e xestión de conflitos así como a contorna legal ou o impacto do novo Regulamento de Protección de Datos de Carácter Persoal. Algúns destes talleres impartiranse en diferentes localidades galegas como Lalín, Pontevedra, Vigo, A Coruña, Sanxenxo, Monforte ou na área de Costa da Morte mentres que outras xornadas desenvolveranse en exclusiva en Santiago de Compostela.
Tanto este programa concreto como o resto das accións formativas desta edición estarán a cargo do Instituto de Educación Superior Intercontinal da Empresa (IESIDE) para o que se contará cun amplo cadro de formadores con ampla experiencia tanto a nivel formativo como de experiencia sectorial entre os que se atopa o experto en Mercadotecnia Turística, Javier Varela, que ofreceu esta mañá a modo de apertura unha masterclass baixo o título “Tralos pasos do turista dixital”, a modo de arranque oficial do plan de formación e que serviu para ofrecer algunhas pinceladas sobre a importancia da mercadotecnia dixital aplicado ao sector turístico así como sobre tendencias de consumo e comportamento que marcarán este mercado nos próximos anos.
Programa completo e inscricións
O calendario completo de xornadas, talleres e seminarios xa pode consultarse na web do Clúster a través da ligazón: https://clusterturismogalicia.comformacion-2018/, desde onde os interesados poderán acceder a cada un dos eventos e realizar a inscrición, cuxo prazo xa está aberto.