42 establecementos de aloxamento e restauración con selo Galicia Calidade

42 establecementos de aloxamento e restauración con selo Galicia Calidade

Nas portas de arranque de Semana Santa, período no que se producirán miles de desprazamentos e no que o turismo arrinca definitivamente a tempada 2018, Galicia Calidade ofrece todo un abanico de posibilidades de aloxamento e restauración, amparados por un selo que referenda a súa calidade, o selo Galicia Calidade Lecer. Trátase dun total de 42 establecementos, entre hoteis, restaurantes, aloxamentos rurais e portos náuticos, que dispoñen por estas datas de diversas ofertas e descontos, axudando así a abrir boca de face ao verán. “É fundamental que os turistas que visitan Galicia e que optan por aloxarse ou degustar a gastronomía galega nos establecementos certificados co selo de calidade vivan unha experiencia única, inigualable, que os anime a volver de novo á nosa Comunidade”, apunta o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro.
Coincidindo con este período vacacional que se aproxima, Galicia Calidade editou en papel e en liña a versión de peto do catálogo do Grupo Lecer, un formato moi práctico para que todo aquel que necesite información sobre os establecementos adheridos poida tela a man en calquera momento. Para facerse cun exemplar, só hai que enviar unha mensaxe privada na páxina de Facebook de Galicia Calidade ou descargala directamente na web www.galiciacalidadelecer.gal