Últimos días para gozar dos bonos turísticos do programa Quedamos en Galicia

O 15 de decembro acaba o prazo para trocar os descontos desta iniciativa organizada por Turismo de Galicia e o Clúster, e que en novembro permitiu mobilizar 1,5 millóns de euros.

 

A segunda convocatoria da campaña de bonos turísticos Quedamos en Galicia está a piques de chegar ao seu fin. O 15 de decembro é a data límite para que os usuarios que participan nesta iniciativa promovida pola Xunta, a través de Axencia Turismo de Galicia, e o Clúster Turismo de Galicia fagan uso dos seus bonos. Isto fai que a ponte festiva de decembro propiciada polas celebracións do Día da Constitución (luns 6) e o Día da Inmaculada Concepción (mércores 8) se presente como unha inmellorable ocasión para quedar en Galicia e gozar das experiencias e propostas adheridas á campaña.

 

A iniciativa articúlase a través dunhas tarxetas moedeiro por importe total de 250, 375 e 500 euros, dos que o 60 % son achegados pola Xunta e o 40 % restante, polo beneficiario. Ese diñeiro pode ser empregado para contratar os servizos dunha longa listaxe de establecementos turísticos de toda Galicia (adheríronse máis de 1.200), así como de 150 ofertas personalizadas e 781 paquetes turísticos. O bono turístico foi lanzado inicialmente o ano pasado para agradecer o labor do persoal sanitario e sociosanitario na loita contra a pandemia da covid á vez que servía para impulsar a reactivación do sector turístico. Na segunda convocatoria, lanzada en abril deste ano e que está agora a piques de finalizar, a campaña estendeuse a toda a poboación galega. O seu éxito foi tal que en só 12 horas esgotáronse os dous millóns de euros que a Xunta destinara a sufragar a iniciativa.

 

Balance de novembro

Segundo os datos que acaba de facer públicos a Xunta, durante o pasado mes de novembro, o bono turístico propiciou un gasto de 1,5 millóns de euros nos aloxamentos e axencias de viaxes que participan no programa. Respecto diso, o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, detallou durante unha visita ao Hotel Balneario Mondariz, que esa cifra supón un novo récord mensual e apuntou que desde a súa posta en marcha máis de 12.000 persoas se beneficiaron desta medida.

 

Rueda explicou tamén que espera que o ponte da constitución e os días que quedan ata o 15 de decembro poñan o broche de ouro a unha iniciativa cuxo éxito propiciou que “fose imitada noutras comunidades”.