“Alta Cociña Galega” é o libro da Real Academia de Gastronomía Española, elaborado en colaboración coa Xunta de Galicia, no que se recollen as traxectorias e o receitario dalgúns dos mellores cociñeiros galegos, produto dos estudos realizados pola entidade presidida por Rafael Ansón. Precisamente foi Ansón o encargado de presentar en Compostela o libro, acompañado pola conselleira do Mar, Ana Rosa Quintana e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
A publicación tenta recoller o alto nivel alcanzado pola cociña galega, grazas tanto á profesionalidade e o talento dos seus cociñeiros como grazas á calidade dos seus produtos. Non en balde cabe lembrar que a nosa comunidade ten máis de 5000 restaurantes, 59 dos cales contan co distintivo Q de Calidade, sen esquecer as 13 Estrelas Micheli e os 37 soles Repsol cos que contan os establecementos galegos.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que afirmou que o libro Alta cociña galega será “unha excelente carta de presentación”, enxalzou tamén os 32 produtos galegos que contan con algún tipo de distintivo europeo que certifica a súa excelencia. Nesta liña tamén abundou a conselleira de Mar, que definiu este libro como “un embaixador de excepción dos produtos galegos” e aplaudiu a iniciativa de publicacións como esta “que coidan e divulgan o coñecemento dos produtos e a súa preparación”.