Esta fin de semana celébranse as últimas xornadas da edición 2024 da Primavera de Portas Abertas na Roteiros do Viño de Galicia, unha proposta promovida por Turismo de Galicia e a marca Enoturgalicia, da que forman parte o Clúster e as cinco Asociacións dos Roteiros dos viños das 5 Denominacións de Orixe.
A iniciativa, posta en marcha o 3 de maio na DO Valdeorras, percorreu xa varias zonas vitivinícolas, pasando pola DO Rías Baixas (10 ao 12 de maio), a DO Ribeiro (17 ao 19 de maio) e a DO Ribeira Sacra (24 ao 26 de maio). Será a DO Monterrei quen poña o broche final, do 31 de maio ao 2 de xuño.
Entre as actividades ofertadas en cada ruta, os participantes puideron de visitas guiadas gratuítas ás adegas rexistradas na promoción, menús especiais deseñados especificamente para a ocasión en distintos restaurantes ou aproveitarse de prezos especiais nos aloxamentos adheridos.
O programa complétase coa posta en marcha dos Buses do Viño, que parten das principais cidades galegas para achegar aos participantes aos distintos roteiros e establecementos asociados. Ademais de contar con actividades complementarias como catas a cegas, paseos en barco, visitas culturais e mesmo observación astronómica.