O espazo de negocios do Clúster de Turismo en Fitur alcanza as 500 reunións, 100 máis que o ano anterior

O espazo de negocios do Clúster de Turismo en Fitur alcanza as 500 reunións, 100 máis que o ano anterior

  • Más de 1.500 profesionais participaron nestes encontros na zona habilitada pola Xunta na caseta de Galicia para o networking do sector.
  • Representantes de México, Portugal e Colombia interesáronse polo Destino Galicia.

 

O Clúster de Turismo de Galicia pecha a súa participación en Fitur 2025 cunha cifra récord de 500 reunións no espazo de networking, habilitado pola Xunta e a Axencia de Turismo na Caseta de Galicia. Son 100 encontros máis que o ano pasado e a cifra máis alta rexistrada desde que o Clúster participa na Feira Internacional de Turismo. Más de 1.500 profesionais participaron nestas reunións nunha edición na que se ampliou o número de mesas dispoñibles para dar resposta á intensa actividade que desenvolve o sector turístico galego nesta feira.

 

Este ano aumentou a demanda de reunións solicitadas por axencias de viaxe de receptivo galegas, tanto grandes como pequenas cunha oferta cada máis diversificada dos seus produtos. Outro dos subsectores turísticos con máis actividade foi sector hostaleiro galego, que rexistrou un importante número de citas con buscadores web e motores de reservas.

 

Tamén foi intensa a actividade de concellos, deputacións e mancomunidades. Polo espazo de negocios do Clúster pasaron, entre outros, profesionais dos concellos da Coruña, Santiago, Ferrol, Ribeira, Padrón, Meis, Poio, Baiona e A Guarda; ademais dos representantes das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra; mancomunidades como a do Salnés, Ferrol Terra e Mariñas Coruñesas; e outras entidades como o Consorcio Ribeira Sacra, Expourense e Costa da Morte

 

Na liña dos anos anteriores, o Camiño de Santiago segue sendo un dos atractivos turísticos que concita maior interese, aínda que se aprecia outro perfil de cliente que busca vivir esta experiencia en grupos máis pequenos cun trato máis próximo e especializado, en liña coa demanda dun turismo máis sostible. As axencias especializadas neste ámbito rexistraron ata 80 reunións no espazo de networking. Destaca tamén o crecente interese polos produtos luxury.

 

Respecto a os contactos de ámbito internacional, representantes de México, Portugal e Colombia interesáronse polo Destino Galicia.

 

 

SIMADA

 

O Clúster Turismo de Galicia (CTG) presentou nesta edición de Fitur o Sistema de monitorización de datos de aloxamento, SIMADA, unha ferramenta gratuíta que ofrece información relevante, en tempo real, aos establecementos hostaleiros para que poidan optimizar as súas estratexias e mellorar a súa rendibilidade.

 

SIMADA ofrece datos de ocupación, prezos e canles de venda, o que permite a estes establecementos axustarse ás tendencias do mercado en tempo real

 

A plataforma está dispoñible para calquera empresa de aloxamento que ceda os seus datos, que se consultarán sempre de forma agregada e anónima, con todas as garantías de seguridade e confidencialidade.