A Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia impulsou unha app denominada Guías de Galicia que permitirá recibir as súas indicacións aos turistas a través do móbil e sen necesidade de conexión a Internet. A aplicación, que estará dispoñible para o sistema Android e IOS, será exclusiva dos asociados profesionais e con ela favorécese o mantemento da distancia social e non se molesta a outros visitantes que poidan estar no emprazamento no mesmo momento e non formen parte do grupo.
Ao non ser necesaria unha conexión a Internet, non se consomen datos durante a explicación turística, non se interrompe esta cando se está nun lugar sen cobertura e a transmisión é “practicamente en tempo real”, cun retardo de “microsegundos”, tal e como resaltou o presidente da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Tommy Alvarellos, quen anunciou que será unha aplicación que se poderá descargar para android e Iphone.
A aplicación adáptase ás esixencias que impón a pandemia de coronavirus porque non se comparten dispositivos, que logo habería que desinfectar e evitar as aglomeracións. Todo de maneira gratuíta e con custo 0 tanto para o guía como para os clientes. A iniciativa levouse a cabo no marco do convenio asinado pola asociación coa Xunta de Galicia e coa cooperación do CLUSTER TIC de Galicia.
Grazas por elixir Galicia
Ademais, e en cooperación con AGATUR ( Asociación Galega de Turismo Rural) APIT Galicia ofrecerá visitas guiadas nas 7 cidades de Galicia para todos os clientes que se aloxen en establecementos de turismo rural, o que permitirá enriquecer a estancia cunha actividade complementraia á vez que se ofrece lla posibilidade de coñecer os segredos das vilas de Galicia e os geodestinos de Galicia con actividades de Turismo activo e natureza, entre unha ampla oferta de actividades para toda a familia.