Co obxectivo de pór en marcha o Plan de Turismo de Saúde e Termal en Galicia no horizonte 2016-2019, Turismo de Galicia e o Clúster Español de Turismo de Saúde, Spaincares, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal o departamento da Xunta achegará 50.000 euros para a elaboración dunha folla de ruta no horizonte do catro próximos anos que analice a situación do turismo de saúde en Galicia e propoña actuacións de promoción para o seu impulso.
O convenio, asinado entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o vicepresidente de SpainCares, Miguel Mirones, contou coa participación do conselleiro de Sanidade, Joaquín Vázquez Almuiña. De acordo con este convenio, o Plan desenvolverase en diferentes fases. Nunha primeira identificará os mercados emisores e receptores de turismo de saúde actuais no mundo, en España e en Galicia, describirá os modelos de certificación de calidade dos servizos a nivel internacional e ofrecerá unha descrición dos servizos demandados na actualidade e os factores na toma de decisión por parte dos usuarios. Así mesmo, presentará unha análise da demanda potencial e identificará e priorizará os mercados emisores para o destino Galicia así como as canles de comercialización presentes no mercado na actualidade.
A partir destes datos, o plan presentará unha estratexia de posicionamento e captación de turistas de saúde que incluirá os obxectivos estratéxicos e propostas de proxectos e actuacións a desenvolver no destino o que permitirá, ademais, trasladar ás potenciais empresas unha visión competitiva do mercado dentro dun marco de internacionalización do sector en España.
Pola o seu parte, o diagnóstico de turismo de saúde en Galicia identificará os recursos e servizos que conformarán a oferta global de turismo de saúde e termal da nosa comunidade e os produtos turísticos consolidados que complementen esta oferta para o futuro desenvolvemento de paquetes turísticos.
Oportunidades de expansión
Toda esta información facilitará unha batería de oportunidades de posicionamento que Galicia poderá dispor a partir das capacidades e potencialidades que presenta o mercado e mostrará as liñas estratéxicas, as accións e as medidas complementarias que deberán porse en marcha ao obxecto de converter a Galicia nun referente en Turismo de saúde.
Por último, o estudo completarase co deseño de actuacións de promoción do turismo de saúde en Galicia a nivel tanto nacional como internacional e unha proposta de posicionamento online para a comercialización de produto.