Tras a presentación dun informe do catedrático da USC Luís Caramés sobre a viabilidade da implantación dunha taxa turística en Compostela, rexorde o debate sobre a oportunidade de implantar un imposto deste tipo, como e a que nivel, autonómico ou municipal. A Xunta de Galicia, a través de declaracións tanto do seu vicepresidente, Alfonso Rueda, como da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, consdieran que non se dan as razóns obxectivas para pensar nestes momentos en implantar unha taxa turística a nivel autonómico, posto que sería unha medida que podería ser mesmo contraproducente para o desenvolvemento que está experiementando o sector.
Neste sentido, desde a Asociación Hostalaría Compostela comparten boa parte do diagnóstico do catedrático en canto á saturación da contorna da Catedral pero manteñen dúbidas sobre a implantación dunha taxa turística, xa que sería necesario valorar como se implantaría e a súa repercusión, considerando que, en todo caso, debería comezarse polos excursionistas, que xeran máis saturación e menos ingresos ao sector.
Pola súa banda, o sector turístico da provincia de Pontevedra manifestouse abertamente en contra da taxa turística. Tanto a Federación Provincial de Empresarios de Pontevedra (Feprohos) como a Asociación de Empresarios de Hospedaxe de Pontevedra (Asehopo) consideran que sería desafortunado expor nestes momentos unha taxa turística en Galicia xa que afectaría negativamente tanto ao proceso de crecemento no número de visitantes como á rendibilidade dun sector que supón o 12% do PIB galego e que está a traballar actualmente como motor económico do noso territorio. “Cremos que é tempo de seguir traballando no camiño do crecemento sustentable, baseado nun turismo de calidade, respectuoso coa contorna, xestionando con coherencia a chegada de visitantes e impulsado novos produtos turísticos que nos permitan captar visitantes durante todo o ano”, aseguran.
Neste sentido e en consonancia coa opinión do Clúster Turismo de Galicia como entidade, consideran que a posible implantación dunha taxa turística expón moitas dúbidas en canto a como se establecería o seu funcionamento. En canto á súa aplicación, xa que de ser exclusivamente por pernoctaciones, quedarían fóra da taxa as excursións e visitantes de día, (que adoita ser o principal motivo de queixa en destinos preto de saturación) e en canto ao destino do recadado, pois non está claro como revertería directamente a taxa na mellora das infraestruturas e mantemento do sector turístico e en mellora da calidade de vida dos cidadáns de cada municipio onde se instaurase, e por suposto dos turistas que nos visiten.
Tendo en conta, ademais, que nos atopamos fronte a un destino turístico como é o galego que aínda está en crecemento, o sector turístico pontevedrés considera que é necesario seguir traballando para pór en valor “a Industria Turística”, que tantos beneficios xerou, e que segue sendo “un dos grandes motores” de xeración de emprego e riqueza na provincia de Pontevedra e en Galicia en xeral.