O Clúster Turismo de Galicia pecha ano e campaña de Presume de Galicia coa a entrega dos premios aos Presumidores do Ano, aqueles dous usuarios da comunidade de Presume de Galicia que conseguiron máis aplausos (votos) nunha foto ou nun dos seus vídeos. Ana Ruiz, fotógrafa afeccionada da Coruña, foi a que se alzou co premio na categoría de Foto, pola súa imaxe “Detívose o tempo”, que conseguiu máis de 1400 votos mentres que Javier Giráldez, avogado de Baiona, e presumidor moi activo na comunidade, alzouse co premio na categoría de Vídeo por “Amencendo”, con 375 votos.
Ambos coñeceron a campaña por outras persoas que xa participaban. “Participei porque me dedico á fotografía de lugares de Galicia, non só á paisaxe, senón a un tipo de fotografía diferente, mostrando o noso con outro punto de vista, e os meus amigos sempre me animaron a participar en concursos. De feito, acabo de realizar a miña primeira exposición “, explicou Ana Ruiz mentres que o gañador na categoría de vídeo, destacou que me decatei da campaña a través de twitter, algún contacto publicara algunha foto, compartíraa para obter votos e animeime a participar, e realmente engancha, ven unhas fotos estupendas que animan a coñecer todos e cada un dos lugares da nosa marabillosa terra”.
Máis de 200 achegas nos últimos meses
Coa entrega destes dous premios conclúe a campaña deste ano de Presume de Galicia, unha iniciativa do Clúster Turismo de Galicia que leva en marcha desde fai tres anos coa premisa de incentivar a posta en valor de moitos recunchos pouco coñecidos polos propios galegos. A comunidade xa superou o 100 mil seguidores nas diferentes redes sociais nas que ten perfil, sendo a de Facebook, a comunidade máis numerosa, con máis de 100 mil seguidores, aínda que a que máis se incrementou nos últimos meses foi a de Instagram. Durante estes meses nos que estivo en marcha a campaña de revitalización da comunidade, de agosto a novembro, entregáronse tamén premios con carácter mensual aos “presumidores” que obtiñan máis votos nalgunha das súas fotografías subidas consistentes en estancias en hoteis de tres e catro estrelas en Galicia. Premios que, tal e como comentaba un dos Presumidores do Ano, Javier Giráldez, “permitíronme coñecer zonas que non visitara e/ou que facéndoo non percorrera camiñando que é como se pode apreciar realmente o seu encanto polo que estou moi agradecido á comunidade así como aos establecementos que participan, o trato foi excepcional”. Os gañadores deste último premio obtén, ademais da estancia, unha actividade complementaria de turismo de aventura consistente nun baustismo de voo para o gañador na categoría de foto e un pack multiaventura para o do vídeo.
Presumir de territorio
Tal e como expresou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, que foi o encargado de facer entrega dos premios, “seguimos apostando por Presume de Galicia, unha comunidade de usuarios que nos permite trazar un mapa de experiencias por toda Galicia, descubríndonos recunchos pouco coñecidos ou espazos desde outro punto de vista”. De feito a felicitación de Nadal deste ano do Clúster foi precisamente cunha fotografía de Presume de Galicia, explicou Cesáreo Pardal, que quixo agradecer a participación aos máis de 3400 usuarios rexistrados cos que conta a web PresumedeGalicia.com onde ao longo deste tempo subíronse máis de 4.100 imaxes. Fervenzas, atardeceres, bosques e igrexas, miradoiros e praias foron algunhas das imaxes máis subidas polos presumidores en www. presumedegalicia.com, creando un mapa de experiencias ao alcance de calquera que queira descubrir novos lugares á visita Galicia que nos últimos meses viuse incrementada en máis de 200 novas imaxes, demostrando o viva que segue esta comunidade que se desenvolve fundamentalmente a través das redes sociais.