A primeira xornada da 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur 2016 acolleu no espacio de Galicia do pavillón 9 un total de 16 presentacións nas que se sucederon tanto destinos como produtos turísticos. Así foi o caso da Costa da Morte, Santiago ou A Coruña, que combinaron as presentacións de destino con produtos turísticos como os destinos Starlight de turismo astronómico ou a nova aplicación de realidade aumentada de Turismo de Galicia que xunto co Camiño dos Faros, a Ruta da Lamprea, Xantar, E para Comer Lugo, e o Camiño de Santiago foron os produtos turísticos de Galicia que ocuparon boa parte desta primeira xornada de Fitur na que tamén se presentaron celebracións como a Feira do Xamón de A Cañiza ou o Festival Celta de Ortigueira. Así mesmo, o espazo galego acolleu un gran número de encontros de traballo que se desenvolveron nas mesas que xestionou o Clúster Turismo de Galicia así como visitas de numerosas autoridades como o Embaixador de Estados Unidos, James Costos, a Ministra de Fomento, Ana Pastor, o Ministro de Industria, José Manuel Soria ou a secretaria de estado de Turismo, Isabel Borrego, entre outros
Pero sen dúbida un dos puntos fortes foi a presentación das etapas de La Vuelta Ciclista a España que trascorren por terras galegas, sete en total, cinco delas de xeito íntegro, e que sen dúbida poñerán o foto de atención no noso territorio para os afeccionados ao deporte do pedal.
Saída en Ourense Termal
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,destacou especialmente a repercusión que terá para Galicia a 71 edición de La Vuelta ciclista a España na cal a nosa comunidade ocupará un lugar destacado sendo o punto de partida deste gran acontecemento deportivo e albergando as súas sete primeiras etapas.
Nava Castro recordou que La Vuelta sairá dende o Balneario de Laias, en Cenlle, mostrando as imaxes de ‘Ourense, provincia termal’ a todas partes do mundo. Así mesmo, sinalou que as sete etapas que percorrerán as catro provincias galegas descubrirán todo o esplendor da natureza galega e as súas espectaculares paisaxes.
Realidade aumentada a través do móbil
Outro dos puntos fortes desta primeira xornada foi a presentación da nova aplicación móbil de realidade aumentada ‘Turismo de Galicia’, unha ferramenta de axuda tanto para o turista potencial que queira coñecer Galicia como para o viaxeiro que estea xa a visitar a nosa comunidade.
A responsable de Turismo da Xunta sinalou que esta aplicación constitúe unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola innovación e o emprego das novas tecnoloxías a cal valorou como “fundamental para facer avanzar o sector turístico galego e para incrementar a nosa cota de competitividade nos mercados internacionais”.