Este venres concliu prácticamente o Plan de Formación que o Cluster Turismo de Galicia impulsou desde outubro a través de seminarios, talleres e un programa de formación superior orientado a directivos. E faino coa formación a un total de 140 profesionais do sector turístico que participaron nos talleres de internacionalización, reveneu management e cambios tecnolóxicos no sector que se impartiron ao longo desta semana. Tan só restan un par de seminarios e a xornada de clausura para por fin ao programa deste ano.
Ademais, Diego Fernández Pérez de Poña foi o encargado de ofrecer a masterclass final do Programa Superior de Dirección e Xestión de Empresas Turísticas que se impartiu ao longo de 120 horas entre outubro e novembro en Santiago de Compostela. Tanto estes alumnos como o resto dos que participaron no conxunto do programa, máis de 400 en total, tamén terán a oportunidade de participar nunha masterclass final que se celebrará previsiblemente a finais do mes de novembro a cargo dun destacado experto do sector turísticos e coa que se porá punto e final á formación por este ano.
Ao longo destes dous meses, os profesionais do sector turístico que se inscribiron para participar nalgunha das actividades propostas, todas elas de carácter gratuíto, puideron tomar parte en 19 xornadas intensivas de traballo nas localidades da Coruña, Santiago, Ferrol, Ribeira, Monforte, Ourense, Verín, Pontevedra, Vigo e Sanxenxo, articuladas en 5 Seminarios de Análises e Dirección Estratéxica de Empresas Turísticas, 4 Talleres de Habilidades de Comunicación, 4 Talleres orientados á Internacionalización, 6 Talleres Técnicos sobre sustentabilidade, revenue, e-mercadotecnia, novas tecnoloxías, experiencia de cliente e innovación aplicados ao turismo, así como o Programa Superior de Dirección e Xestión de Empresas Turísticas. Un exhaustivo programa que se completou con doce accións de sensibilización sobre o uso e impacto das novas tecnoloxías no sector turístico que se impartiron en doce localidades galegas.