Núñez Feijóo

O presidente da Xunta fixo fincapé en que os preparativos para o próximo Ano Santo, un proxecto non só de Galicia, senón de toda España
“Estamos a falar dun dos acontecementos turísticos e culturais máis relevantes que vivirá o conxunto do país nos próximos anos”. Así se expresaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo na súa visita oficial a Fitur, onde convidaba a todas as comunidades e ao Goberno central a cooperar neste gran proxecto. Neste sentido, Feijóo destacou que para a preparación do próximo Xacobeo creouse a consellería de Cultura e Turismo, que traballa xa a pleno rendemento para a construción dunha Galicia máis competitiva, na que se aposta pola calidade e a excelencia como selo de identidade.
O compromiso da chegada da alta velocidade, que será unha realidade na Comunidade para o próximo ano santo; o Plan de mellora de aloxamentos turísticos ou as facilidades económicas para todos aqueles que queiran apoiar o evento, a través do programa de beneficios fiscais para patrocinadores, despois de que fose declarado acontecemento de excepcional interese público foron algúns dos fitos que Feijóo destacou no seu discurso, tras realizar a visita á caseta de Galicia na feira Así mesmo, resaltou que se está traballando tamén no acondicionamento dos Camiños que levan a Compostela, dotándoos con máis servizos e facéndoos máis accesibles, “convencidos de que as rutas xacobeas son unha experiencia para todos, na que non exista ningún tipo de barreira”, asegurou, subliñando o acordo coa ONCE que facilitará a peregrinación ás persoas invidentes. Ademais de avanzar no impulso de toda unha programación cultural que inclúe a segunda edición do festival O Son do Camiño, que se celebrará os días 13, 14 e 15 de xuño en Santiago.
Galicia, un destino diverso e posible todo o ano
Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo galego incidiu en que a estratexia turística que se está preparando para o Xacobeo baséase no Depende: “Depende do cando. Do quen. Do con quen. Mesmo do canto”, afirmou, destacando que os visitantes poden elixir entre o turismo máis relixioso que ofrecen Viveiro ou Ferrol, coa súa Semana Santa recoñecida internacionalmente; as festas máis pagás como os entroidos, incluído o de Xinzo, declarado esta semana como Festa de interese turístico internacional; ou o turismo máis contemplativo que hai detrás das tres candidaturas coas que Galicia opta a Patrimonio da Humanidade –a Ribeira Sacra, o Parque Nacional das Illas Cíes-Illas Atlánticas e o Ferrol da Ilustración-.
Neste mesmo sentido, referiuse a un turismo máis activo que garante novos produtos como os percorridos polos centros históricos; un novo itinerario que se suma aos minicruceros polas Rías Baixas e que permitirá aproximarse por mar a gran parte dos vestixios fenicios que se conservan; ou a primeira ruta atlántica de turismo de submarinismo que comeza a tomar forma –un proxecto conxunto entre Galicia, Portugal, Reino Unido e Irlanda-. “Poden decantarse tamén por un turismo musical que queremos reforzar a través da marca Fest Galicia; por un turismo histórico e tradicional; ou por unha Galicia moderna con novas e ambiciosas apostas de futuro como a Cidade da Cultura”, engadiu, facendo fincapé no obxectivo de converter Galicia nun destino diverso e posible todo o ano.
Non en balde, Ourense é a provincia cunha maior evolución no número de turistas recibidos e, ademais, subiu o peso do turismo na tempada baixa. Feijóo concluíu destacando o peso do turismo na economía galega que xa supón o 10,4% do PIB e que dá traballo a un 7,4% máis de persoas que hai un ano. Despois dun 2017 histórico –no que se bateron marcas en practicamente todos os indicadores-, no 2018 logrouse consolidar esas cifras. Así, os 4,8 millóns de turistas que Galicia recibiu o ano pasado son un 25% máis dos que se rexistraron fai un lustro, ademais de mellorar de forma paralela a ocupación, a estancia media, as tarifas hostaleiras e, en definitiva, a rendibilidade do sector. Ante estas cifras, o presidente da Xunta afirmou que os próximos anos serán claves para que Galicia siga sendo o mellor destino da España verde, integrado polas comunidades do norte peninsular.
27 de Xaneiro de 2019

Núñez Feijóo reivindicou de novo en Fitur unha Galicia hospitalaria e acolledora para cos visitantes e anunciou “o mellor Xacobeo na mellor Galicia da nosa historia”

O presidente da Xunta fixo fincapé en que os preparativos para o próximo Ano Santo, un proxecto non só de Galicia, senón de toda España “Estamos […]