Até o próximo 2 de febreiro está aberto o prazo para presentar solicitude de adhesión á terceira tempada de Fest Galicia que este ano conta cun incremento de orzamento de até 460 mil euros, un 31% máis que na edición pasada, co obxectivo de impulsar eventos musicais de calidade.
A resolución conxunta de Agadic e a Consellería de Cultura e Turismo incorpora tamén novidades en canto aos requisitos que deben cumprir os festivais que soliciten a súa adhesión ao programa, entre os que destaca a inclusión dun mínimo de seis artistas galegos e a necesidade de contar cun plan de igualdade e sustentabilidade. Os solicitantes deben reunir, así mesmo, outra serie de condicións relativas ao seu orzamento e solvencia económica, programación e venda de entradas, redución do impacto ambiental ou cumprimento da normativa en materia de espectáculos públicos, entre outras. Os eventos musicais deberán desenvolverse, ademais, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro deste ano e as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento: CT302A).
Contratos de patrocinio
O apoio económico materializarase na firma de contratos de patrocinio cos eventos que reúnan unha serie de criterios definidos na resolución conxunta da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia. Con esta nova convocatoria dáse continuidade a esta iniciativa da Xunta para promover o turismo musical de acordo con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.
A finalidade de FEST Galicia é promover un turismo musical sustentable, liderado por festivais estratéxicos para a nosa Comunidade dentro dunha iniciativa transversal na que se implican varios departamentos da Xunta de Galicia. O ano pasado presentáronse baixo esta marca 12 citas musicais do catro provincias.