Galicia superou por vez primeira a barreira dos dous millóns de viaxeiros no primeiro semestre do 2019, segundo as cifras publicadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou no acto de presentación celebrado en Sanxenxo que o turismo galego “medra en cantidade, pero sobre todo en calidade”.

 

A nosa foi a Comunidade na que máis medrou a demanda turística, cun alza do 7,7% fronte a media de 1,2% do resto de España. Dende o goberno da Xunta afirman que estes datos se deben en boa parte a que Galicia “é un destino turístico atractivo para os viaxeiros tamén en tempada media e baixa”, do que se deduce a súa aposta pola desestacionalización da oferta.

 

Ademáis, os datos reflexan un 7,7% de mellora no número de pernoitas, facendo que os aloxamentos estén cubertos durante máis tempo. “Non só chegan máis visitantes que nunca e mellor repartidos, senón que cada vez máis os viaxeiros quedan máis tempo na nosa Comunidade, fan máis gasto e permiten crear postos de traballo de calidade durante todo o ano”, sinalou o conselleiro. Neste sentido, felicitou aos profesionais do sector porque o seu traballo está a permitir que a evolución de Galicia en todas as variables sexa superior ao conxunto do Estado.

 

As cifras constatan tamén que a rendibilidade hoteleira mellorou a un ritmo moi superior á media española, crecendo o ingreso medio por habitación por enriba do 9% fronte ao 3,6% rexistrado a nivel nacional, “o que reflexa que contamos cun sector turístico cada vez máis competitivo e profesionalizado”.

 

De feito, o balance presentado pola Xunta adica un dos seus apartados aos ingresos totais do sector hoteleiro e mostra que non deixaron de medrar dende 2013, resultando nesta primeira metade de ano un total de 118,4 millóns de euros.

 

En canto ás tipoloxías de aloxamento, sobresaen os hoteis, que son a modalidade preferida polos turistas que visitan Galicia, pois concentran o 73,5% da demanda. En xeral, todas as tipoloxías de aloxamento rexistraron máis viaxeiros: as pensións, os apartamentos turísticos, os cámpings e os establecementos de turismo rural. En concreto, estes últimos xeraron 9.000 novos turistas, cunha suba próxima ao 12%.

 

 

Procedencia dos viaxeiros

 

Os datos sinalan un incremento que se estende a todo tipo de viaxeiros, ao rexistrarse unha suba de preto do 5% no turismo interno (os galegos fan cada vez máis turismo dentro da comunidade) e dun 6% no turismo nacional. O dato que sufriu unha especial subida foi o dos viaxeiros estranxeiros, pois medraron un 14,4%. A atracción do turismo internacional pola nosa comunidade é tal que que xa constitúen o 27 % do total das visitas. Destacan especialmente os viaxeiros procedentes de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Italia e Reino Unido e o incremento dos Países Baixos.

 

 

Datos por provincias e cidades

 

Por provincias, en termos absolutos, A Coruña foi a que máis demanda recibiu, un 43%, seguida de Pontevedra cun 34%, mentres que Lugo e Ourense sumaron un 15 e un 8%, respectivamente. Non obstante, Lugo foi a que rexistrou un maior crecemento ao experimentar unha suba de preto do 10%.

 

Román Rodríguez atribuíu esta suba ao esforzo do Goberno galego por poñer en valor os valores turísticos que caracterizan a cada xeodestino, apoiando o turismo rural e as experiencia ligadas á nosa enogastronomía ou á nosa paisaxe e patrimonio cultural, “capaces de atraer viaxeiros durante todo o ano”.

 

No referente aos sete principais destinos urbanos, Santiago sitúase como a cidade que máis viaxeiros recibe, superando os 300.000, seguida da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol. A capital galega foi tamén a que rexistrou un mellor comportamento durante o primeiro semestre, ao experimentar un alza de preto do 9%, seguida de Ourense, cun incremento do 11%, e da Coruña, cunha suba de case o 4%.

 

Máis e mellor emprego no sector

 

Paralelamente aos datos do INE, foron publicados os resultados da Enquisa de Pobación Activa das que se extraen as cifras relativas á rama do turismo e amosan que a evolución favorable da demanda turística tivo unha “importante repercusión” no emprego. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo remarcou que o sector emprega un 9% máis profesionais que hai un ano, un feito que reflicte que cada vez “se crea máis emprego de calidade durante todo o ano”, ao tempo que permite “xerar riqueza e fixar poboación nos distintos territorios”. Do mesmo xeito, remarcou a alza do 2,3% nas afiliacións á Seguridade Social no sector turístico e que encadean seis anos consecutivos de progresión.

12 de Agosto de 2019
balance2019

Primeiro semestre de récord para Galicia: supera os dous millóns de visitantes e lidera os postos de crecemento en España. Pero sobre todo, medra en calidade

Galicia superou por vez primeira a barreira dos dous millóns de viaxeiros no primeiro semestre do 2019, segundo as cifras publicadas polo Instituto Nacional de Estatística […]
29 de Setembro de 2017

A mellora de pernoitas, a estancia media e a rendibilidade, claves para avaliar positivamente a tempada estival galega

O Clúster Turismo de Galicia fai balance positivo do verán e convida o sector a seguir traballando en prol da ordenación, a desestacionalización e regulación dun […]
19 de Decembro de 2014

Tendencias, estudios de turismo y empleo en Galicia, la CENP acogió la jornada Orientación laboral y empleo en Turismo

La Escuela Universitaria de Turismo-Cenp de A Coruña celebró las Jornadas de Orientación Laboral y Empleo en Turismo, en las que se alternaron ponencias sobre elaboración […]