Constituído oficialmente en decembro de 2013, o Clúster Turismo de Galicia cumpre nestes días o seu cuarto aniversario, catro anos de traballo ao longo dos cales se conseguiron importantes puntos de inflexión no posicionamento do sector privado e na cooperación público-privada. O CTG aglutina nestes momentos un total de 58 entidades asociadas: 54 de pleno dereito e 4 en proceso de incorporación das que 36 son asociacións e 22 empresas, que representan en total a máis de 6.727 empresas asociadas, que supón algo máis do 95% da cadea de valor do sector turístico galego na súa vertente privada.
O traballo ao longo destes anos, e especialmente a estreita colaboración público-privada establecida coas diferentes administracións públicas, permitiunos establecer fórmulas de cooperación en ámbitos como a calidade, formación, pormoción e cooperación na redacción de normativas que afectan o sector, con especial mención á posta en marcha da Estratexia de Turismo de Galicia para o horizonte 2020, unha iniciativa pioneira que se desenvolveu en colaboración co tres universidades galegas e catro consultoras. Trátase dun Plan aprobado no Consello de Xunta e no que participan todas as carteiras da Administración autonómica (non unicamente a Axencia de Turismo), que tivo un importante peso participativo e que supón a fixación conxunta da folla de ruta do turismo de Galicia no próximos catro anos. Esta cooperación público-privada materializouse, ademais, no desenvolvemento das normativas de Hoteis (Decreto 57/2016); Albergues turísticos (Decreto 48/2016); Vivendas de apartamentos turísticos , vivendas turísticas e vivendas de uso turístico (Decreto 12/2017); Guias de turismo (Decreto 73/2015) e Axencias de Viaxe (Adaptación de normativa Europea).
A calidade como elemento diferenciador da oferta turística galega
O traballo do Clúster tamén se materializou na xestión dos procesos de certificación, seguimento e renovación da Q de Calidade. Galicia conta con 277 distincións (18% de distincións sobre o total concedido en todo o territorio español), o que sitúa á nosa comunidade como a segunda con maior número destas distincións, moi próximo a Andalucía e líder nalgúns segmentos estratéxicos para o destino, como o turismo rural, instalacións náutico-deportivas, turismo industrial, lecer nocturno e turismo activo. Ademais, puxemos en marcha a implantación no noso sector da marca Galicia Calidade, que permite que os establecementos turísticos galegos poidan contar cun distintivo de calidade reconocible e valorado polos usuarios: Aloxamento, Restauración, Turismo Rural, Palacios de congresos e Instalacións náutico deportivas.
No apartado de formación, puxemos en marcha actividades de capacitación directiva, como xerme para impulsar o cambio, orientadas tanto a profesionais como de formación a directivos do sector turístico, co obxecto de fomentar a reflexión e xerar dinámicas de cambio. Desenvolvéronse tres edicións en colaboración con dúas Escolas de Negocio de Galicia (2015 e 2016): IESIDE e IFFE.
O Clúster continúa traballando desde a súa creación para aglutinar o 100% do sector turístico galego, traballando para a promoción do destino Galicia nas principais feiras sectoriais tanto nacionais como internacionais, como poden ser Fitur, World Travel Market, ITB Berlín, Xantar, Termatalia, Forum Gastronómico, EIBTM, etc. coa realización de misións comerciais ás principais (WTM + ITB Berlín) e participación en misións específicas (segundo produto turístico).
Ademais, o Clúster fixo un gran esforzo para converterse en punto de encontro do conxunto do sector a través do desenvolvemento de Encontros Anuais do Clúster e a cooperación para a creación de marcas e paquetización da oferta turística galega, accións que se han materilizado na posta en marcha de iniciativas como a creación de Enoturismo de Galicia, en colaboración coas 5 Rutas do Viño de Galicia; a creación dunha Guía de Turismo MICE e presentación en Madrid e Barcelona; a posta en marcha do selo Galicia Destino Familiar, coa certificación das 27 primeiras empresas ou de accións de promoción de turismo rural, escapadas activas,…