A comarca da Ulloa e en concreto o restaurante Val de Antas de Ulla, foi o escenario elixido este ano para o encontro dos profesionais da hostalaría da provincia de Lugo no que se fai a entrega de galardóns da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL). Neste acto, a entidade fai un recoñecemento a hostaleiros cunha longa traxectoria no sector e as persoas ou a colectivos que colaboran na difusión dos atractivos turísticos da provincia desde os seus respectivos ámbitos laborais.
Precisamente por este labor de difusión dos atractivos turísticos de Lugo, por reivindicar a súa orixe lucense e polo seu apoio incondicional á marca gastroturística E para comer, Lugo, José Ramón Ónega López recibiu a Medalla de Ouro da Apehl de mans do seu presidente, Cheché Real, quen, posteriormente, destacou no seu discurso o seu labor á fronte da Casa de Galicia en Madrid, “institución desde a que proxecta as excelencias da nosa comunidade autónoma no exterior” e que sempre pon á disposición desta Asociación.
Así mesmo, a asociación de hostaleiros lucenses tamén quixo pór de relevo o mérito do compromiso coa marca E para comer, Lugo de tres organizacións que levan tempo colaborando en diversas iniciativas da Apehl: a Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós), Armadores de Burela e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que foron nomeados Embaixadores Hostaleiros da Provincia de Lugo. Real referiuse a elas como “tres entidades que, cada unha no seu respectivo ámbito, esfórzanse por mellorar a calidade das materias primas”. Por último, o Premio a toda unha vida nos fogóns recaeu no hostaleiro José Antonio Pardo Portomeñe, propietario do restaurante Pacior de Monterroso, que el mesmo fundou, xunto á súa muller, no ano 1981.
A gala, conducida un ano máis polo xornalista Antón Grande, reuniu no Restaurante Val máis dun centenar de hostaleiros chegados desde diversos puntos da provincia e contou coa presenza de representantes da sociedade e da política lucense e galega, entre eles os alcaldes de Antas de Ulla, de Monterroso e de Pol, Javier Varela, Jesús Otero e Liño Rodríguez, respectivamente; a responsable da área de Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal; o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do CD Lugo, Tino Saqués.