A X edición do Outono Gastronómico volve ás casas de turismo rural galegas neste último cuadrimestre do ano. E faio para ofrecer, desde o 16 de setembro ao 18 de decembro de 2016, unha completa oferta de menús, paquetes turísticos e estancias de fin de semana nalgunha das 92 casas de turismo rural participantes, pertencentes á Federación Galega de Turismo Rural, (FEGATUR), a Asociación Galega de Turismo Rural, (AGATUR) e Asociación de Turismo Rural Cariño. Dos 92 establecementos rurais participantes 19 son da provincia da Coruña, 24, da de Lugo; 23, da de Ourense; e 26, da de Pontevedra.
Ccreado por Turismo de Galicia en colaboración coa rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia, o obxectivo do Outono Gastronómico en contribuír a dinamizar o turismo rural nesta época do ano, ofertando actividades complementarias encamiñadas a contribuír á desestacionalización do turismo.
Como novidade este ano incorporouse un autobús vintage que viaxará polo sete cidades galegas e por Vilagarcía de Arousa para promocionar o programa. Trátase dun vehículo histórico dos anos 50 que servirá como punto de información da campaña e será ademais un expositor orixinal da historia desta promoción. Este ano tamén se editarán guías informativas -nos idiomas galego e castelán- que se pon a disposición do público nos propios establecementos de turismo rural, oficinas de turismo, campos de golf e outros espazos públicos. Ademais, o programa tamén se promoverá a través das redes sociais e promoverase un concurso en Facebook no que Turismo de Galicia obsequiará aos gañadores con varios Fins de semana outono gastronómico para dúas persoas, en colaboración con diferentes medios de comunicación e centros comerciais que tamén ofrecen este agasallo entre os seus usuarios.
Dous menús diferentes
Cada unha das casas participantes ofrece dous menús diferentes, exclusivamente concibidos para a ocasión. Tamén se ofrece a posibilidade de adquirir o Paquete outono gastronómico que permite degustar o Menú outono gastronómico e durmir na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta modalidade ofrece un menú por persoa máis aloxamento e almorzo nunha nunha das casas de turismo rural participantes na promoción -noite de venres ou sábado a escoller-.
Outra das posibilidades que se recolle na promoción é gozar do Fin de semana Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento -noite de venres e sábado-. Quérese compartir coa familia un fin de semana dentro deste programa turístico, existe o Fin de semana familiar outono gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos até 14 anos. O éxito obtido nas edicións anteriores consolida este programa como unha proposta ben contrastada e demandada polo público e polas casas rurais de Galicia