Solucións e novas ideas para o sector no I Congreso Nacional de Turismo Experiencial que se celebra esta semana en Lugo

ACTIVIDADES

Solucións e novas ideas para o sector no I Congreso Nacional de Turismo Experiencial que se celebra esta semana en Lugo

Desenvolverase de forma presencial e virtual do 16 ao 18 de setembro, seguido do fin de semana ‘LugoExperience’ o sábado 19 e domingo 20

Lugo será a primeira cidade española en acoller o Congreso Nacional de Turismo Experiencial, onde se reunirán máis de 50 personalidades e profesionais destacados polo seu coñecemento e traxectoria no sector turístico e cultural de toda España. O evento celebrarase os días 16, 17 e 18 de setembro no Pazo Provincial de San Marcos, e tamén será posible seguilo vía online.

O Congreso nace coa intención de contribuír á adaptación do sector turístico á demanda dun consumidor de lecer cada vez máis esixente e á nova situación xerada tras a Covid-19. Durante o encontro, achegaranse ideas novas e ferramentas prácticas para emprendedores interesados en ofrecer un turismo cultural, ambiental e socialmente sustentable, con análise de casos de éxito.

Ademais, darase visibilidade ás solicitudes das diferentes plataformas do sector da Cultura, O turismo, os Eventos e o Espectaculo, así como do Lecer Nocturno.

7 bloques temáticos
O congreso está focalizado en 7 bloques temáticos de actualidade e importancia dentro do ámbito turístico, que se desenvolverán durante as mesas e relatorios dos dous primeiros días do congreso. Ademais realizaranse 2 workshops e a terceira xornada contará con 2 actividades de formación experiencial en destino (A Mariña Lucense e Ribeira Sacra).

‘LugoExperience’, o 19 e 20 de setembro
Como extensión ao Congreso, o fin de semana do 19 e 20 de setembro celebrarase o evento ‘LugoExperience’, un escaparate das actividades experienciales da provincia de Lugo. Durante dous intensos días, tanto os asistentes ao Congreso como todos aqueles que busquen vivir unha experiencia única, poderán gozar da singularidade da cidade amurallada e da súa contorna.
Unha oportunidade para coñecer de preto a gran riqueza patrimonial, cultural e gastronómica da provincia, colaborando co comercio local mediante esta iniciativa de turismo sostible.