Sanidade establece medidas restritivas que afectan á hostalaría en Ourense, Santiago, Santa Comba, Carballo e A Laracha

O comité de expertos tamén aconsella manter as medidas vixentes nos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo e prorrogar as restricións en vigor desde o pasado venres no Concello de Lugo
Todas estas medidas restritivas afectan o sector comercial e hostaleiro destas cidades

A Consellería de Sanidade decidiu establecer medidas e restricións nos concellos de Ourense, Santiago, Santa Comba, Carballo e A Laracha, medidas que supoñen a limitación dos aforamentos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalaría -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, a limitación do número máximo de persoas nas reunións tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforamentos en celebracións, velorios e lugares de culto, ademais do peche dos centros de día e residencias, sen esquecer a redución de aforamentos en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regulado entre outros. Ditas medidas, que entrarán en vigor ás 0 horas do xoves serán revisadas dentro dunha semana.

Ademais, outra das novas medidas establecidas será o uso obrigatorio da máscara en ximnasios, unha medida, que o comité clínico valora facer extensible ao resto da comunidade.

Fai falta destacar que, no caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50 % do aforamento do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, aínda que este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará os eventos previstos para este fin de semana.

A intención de Sanidade é poder actuar de maneira máis selectiva e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma desde o principio da pandemia, trata agora acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmos barrios.

Os concellos de Lugo e Coruña manteñen as restricións vixentes

Ante a situación epidemiolóxica a Consellería de Sanidade decidiu manter tamén as medidas restritivas tomadas desde a semana pasada no Concello de Lugo. Do mesmo xeito, os concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo, tamén verán prorrogada a vixencia das limitacións establecidas por Sanidade.

Abegondo, Bergondo, Carral e Sada ven levantadas as súas restricións

Finalmente, e ante a evolución estable dos datos, o comité de expertos sanitarios acordou levantar as limitacións nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, que desde esta mesma medianoite volven adoptar as mesmas medidas que o resto dos concellos da área sanitaria da Coruña.

ACTUALIDADE
22-7-2021

A Xunta, o Clúster e as Universidades presentan o Plan Director 2021-2023 para o turismo en Galicia A Xunta, o Clúster e as Universidades presentan o Plan Director 2021-2023 para o turismo en Galicia

16-7-2021

Prego de condicións que rexerán a contratación dun servizo de "DESENVOLVEMENTO E CONSOLIDACIÓN DA MARCA GALICIA EMOTION PARA A PROMOCIÓN DE PRODUTO TURÍSTICO", coa colaboración da Xunta de Galicia-Axencia de Turismo de Galicia

15-6-2021

Convocatoria de Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria Clúster de Turismo de Galicia

15-6-2021

Prego de condicións que rexerán a contratación dun servizo de "MELLORA DOS MECANISMOS DE COMERCIALIZACIÓN, ACTUACIÓNS DE PROMOCIÓN ONLINE E PROMOCIÓN NA CANLE DE VENDA PRESENCIAL PARA GALICIA TURISMO ACTIVO", coa colaboración da Xunta de Galicia-Axencia de Turismo de Galicia