Co obxectivo de seguir traballando na consolidación da Ribeira Sacra como referente do destino turístico galego de interior, Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra asinaron un convenio que se materializará nun investimento de 200.000 euros nos 21 concellos da zona: A Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada; e as entidades locais ourensás da Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadanedo.
Novos produtos turísticos
O convenio, cuxa vixencia se estende até 2017, permitirá traballar na mellora dos soportes de información, incrementar as accións de promoción e aumentar a oferta turística da Ribeira Sacra. Deste xeito, deseñaranse novos materiais informativos e planos turísticos da Ribeira Sacra e incrementarase a oferta dispoñible pondo en marcha novos produtos como as “Rutas do Románico”, consistentes en visitas organizadas a mosteiros, igrexas e capelas, posibilitando o acceso do visitante ás mesmas e co valor engadido das explicacións especializadas dun guía oficial.
Ademais, levará a cabo a “Party Ribeira Sacra”, un xogo dirixido a sensibilizar escolares sobre a rexión; a actividade “Pasaporte ás nubes”, unha acción de fidelización de viaxeiros co sorteo de viaxes en globo aerostático para contemplar as paisaxes da Ribeira Sacra; e a programación da “Caída da Folla”, consistente en actividades como talleres de fotografía ou recorridos paisaxísticos pola zona durante o outono, época do ano na cal a Ribeira Sacra presenta gran beleza pola policromía da súa vexetación.
O convenio tamén porá en valor o enoturismo e a viticultura na rexión continuando con iniciativas como a do Viñobús. Así mesmo, para recuperar espazos públicos degradados, incrementaranse os murais exteriores de arte urbana. Tamén se estudará a organización dun festival de sendeirismo.