Novas axudas por importe de 60 millóns de euros para a dixitalización de destinos e empresas turísticas e para a promoción internacional

Novas axudas por importe de 60 millóns de euros para a dixitalización de destinos e empresas turísticas e para a promoción internacional

Os fondos Next Generation financiarán as catro liñas de subvencións que acaba de lanzar o Ministerio de Turismo e que inclúen partidas específicas para os municipios do Camiño de Santiago.

 

O impulso do sector turístico é o denominador común das catro liñas de axudas que convocou nos últimos días o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Trátase de catro iniciativas que serán sufragadas con cargo aos fondos Next Generation con un importe total de algo máis de 60 millóns de euros e que permitirán actuar en diversos ámbitos como a dixitalización das empresas e dos destinos turísticos, e a promoción de experiencias no mercado internacional.

 

A partida máis cuantiosa corresponde á primeira convocatoria do programa Experiencias España, que está dotada con 26 millóns e que ten como obxectivo “incrementar e mellorar as experiencias que compoñen a oferta turística de España” a través de iniciativas de ámbito nacional ou que impliquen, polo menos, a tres comunidades autónomas, para a súa promoción nos mercados internacionais. Dese total de 26 millóns, reservaranse 5 millóns para proxectos relacionados co Xacobeo 21-22, e a contía das subvencións situarase entre un mínimo de 200.000 euros e un máximo de 2 millóns. Está dirixida a asociacións, federacións, fundacións e agrupacións de interese económico debidamente rexistradas, empresas turísticas e pemes, e entidades públicas de ámbito local, comarcal, provincial ou autonómico que actúen como entes de cooperación turística. O prazo para concorrer a esta convocatoria estará aberto desde o 15 de febreiro ata o 15 de marzo.

 

A dixitalización das empresas do sector turístico a través de axudas para o desenvolvemento e implantación de proxectos na chamada “última milla” recibirá outros 25 millóns de euros. Un total de 20 millóns distribuiranse en proxectos que incorporen tecnoloxías emerxentes ou de novo desenvolvemento con risco tecnolóxico medio/baixo a través de axudas de entre 500.000 e 5 millóns de euros. Os 5 millóns restantes serán destinados a financiar proxectos de implantación de novas tecnoloxías  testadas previamente no mercado e cun risco baixo. Neste último caso as axudas irán desde 300.000 ata 750.000 euros.

 

As entidades locais adscritas á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes que queiran incorporar tecnoloxías para atraer turistas e mellorar as súas experiencias son as destinatarias doutra convocatoria dotada con 6 millóns de euros. Cada beneficiario poderá recibir entre 100.000 e 500.000 euros e acometer proxectos que faciliten o acceso ao turista desde o seu lugar de orixe, que lle faciliten información en tempo real xa en destino así como acceso a produtos turísticos, que desenvolvan ferramentas TIC para optimizar a xestión e que fomenten a incorporación de sistemas centralizados de compra de necesidades tecnolóxicas, vixilancia de destinos competidores e xestión de recursos ambientais.

 

A cuarta convocatoria feita pública nos últimos días polo Ministerio de Turismo está dirixida tamén a entidades locais da Rede de Destinos Turístico Intelixentes, aínda que neste caso só a aquelas que forman parte do Camiño de Santiago e que presenten proxectos en grupos de entre 3 e 8 entidades. Os 5 millóns con que está dotada esta iniciativa encadrada no Plan Nacional Turístico Xacobeo 2021-22 serán repartidos en axudas de entre 500.000 e 1 millón de euros. As actuacións que poderán financiar son plans estratéxicos relacionados coa transformación dixital, proxectos de modernización da xestión en destino, actuacións nos ámbitos da calidade, a formación e o emprendemento, e outras propostas dirixidas a mellorar as infraestruturas, a contorna natural e os servizos ao dispor dos peregrinos.