Nace Rimartes, un proxecto de turismo experiencial artellado en torno ao patrimonio subacuático

Nace Rimartes, un proxecto de turismo experiencial artellado en torno ao patrimonio subacuático

O vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia participou na posta de longo en Lariño desta iniciativa dos GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur.

 

A riqueza patrimonial de Galicia chega tamén aos fondos mariños do seu litoral, que albergan unha das maiores concentracións de xacementos arqueolóxicos do Atlántico europeo. Os restos de toda clase de embarcacións afundidas ao longo dos séculos, así como de avións e submarinos da II Guerra Mundial que tamén finalizaron as súas travesías en augas galegas, constitúen un importante foco de atracción para os afeccionados ao submarinismo recreativo que varios Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) queren aproveitar e potenciar.

 

Os responsables de tres destes GALP (Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur) axuntaron forzas para dar forma ao proxecto “Rimartes. Riquezas do mar, tesouros do profundo” e lograr así contribuír ao desenvolvemento deses territorios, integrados por 25 municipios que abarcan ao redor de 300 quilómetros de costa entre Sada e Porto do Son, apostando por un sector con grandes perspectivas de futuro. O seu obxectivo é atraer a afeccionados ao submarinismo de todos os niveis: desde os que practican snorkel (mergullo con tubo) ata aqueles capaces de realizar inmersións con botella a profundidades de 40-50 metros.

 

Despois de realizar presentacións sectoriais durante o mes pasado en Porto do Son, Fisterra, Camariñas e Sada, os seus promotores déronse cita o 14 de decembro nun emblemático lugar da Costa da Morte para facer a presentación oficial de Rimartes. O faro de Lariño (Carnota), establecemento situado nas inmediacións do lugar onde en 1966 se afundiu a fragata Ariete e cuxas dependencias de uso hostaleiro lembran aquel suceso, acolleu un acto no que tomaron a palabra a xerente do GALP Costa  Sostible, Manuela Oviedo Hermida, e o vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia, Jesús Picallo.

 

Manuela Oviedo explicou que Rimartes pretende “recuperar o sentimento e as historias vinculadas aos naufraxios que se poden visitar en establecementos turísticos coma este recentemente inaugurado Hotel Faro de Lariño ou noutros lugares de referencia como pode ser o Cemiterio dos Ingleses, entre outros moitos”. A iniciativa trata de crear un produto turístico especializado que poña en valor tanto o patrimonio material como o inmaterial, ademais da biodiversidade das augas galegas. Picallo felicitou aos GALP por este proxecto e expresou a súa confianza en que Rimartes permitirá impulsar un “turismo emocional” capaz de atraer a visitantes doutros países e contribuír á desestacionalización do sector.

 

Os primeiros pasos do proxecto consistiron na recompilación de información e catalogación dos naufraxios para comezar a planificar rutas nos tres territorios dos GALP participantes e preparar os materiais divulgativos que serán repartidos para difundir a iniciativa entre o público directo, os turistas en xeral e os propios veciños. Ademais de folletos promocionais, mapas, vídeos, unha web e espazos específicos en redes sociais, un atlas de especies pesqueiras, paneis informativos e outras accións, os promotores de Rimartes teñen previsto realizar dúas viaxes de familiarización a próxima primavera para que os medios especializados e os propios axentes turísticos dos territorios involucrados coñezan o proxecto e se involucren na súa difusión.