Máis dun centenar de establecementos turísticos galegos poderán beneficiarse de axudas para mellorar a súa eficiencia enerxética

Máis dun centenar de establecementos turísticos galegos poderán beneficiarse de axudas para mellorar a súa eficiencia enerxética

Galicia recibirá 7,8 millóns de euros do programa aprobado na última reunión da Conferencia Sectorial de Turismo.

 

Os aloxamentos turísticos galegos (hoteis, cámpings, turismo rural…) poderanse beneficiar de axudas por un importe total de 7,8 millóns de euros para acometer proxectos de eficiencia enerxética e economía circular nas súas instalacións. Estas axudas enmárcanse nun programa de ámbito estatal e cun importe total de 170 millóns que foi aprobado polo Goberno central e os representantes das comunidades autónomas na reunión da Conferencia Sectorial de Turismo celebrada esta semana.

 

No caso de Galicia, está previsto que as axudas permitan acometer intervencións en 121 establecementos. Estes deberán dedicar o importe recibido a mellorar a envolvente térmica (os cerramentos que delimitan os espazos habitables) do recinto, incorporar enerxías renovables para a calefacción, refrixeración, climatización e a auga quente sanitaria, e optimizar a iluminación. O obxectivo é que os beneficiarios reduzan o consumo de enerxías non renovables en polo menos un 30 %.

 

O acordo alcanzado entre o Goberno central e as comunidades autónomas prevé que sexan estas últimas as que realicen a convocatoria correspondente para a repartición de axudas. O prazo para executar as actuacións subvencionables concluirá o 31 de decembro do 2024.

 

Fomento da enogastronomía

Na mesma reunión da Conferencia Sectorial de Turismo presidida pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e na que a representación galega correu a cargo do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi aprobada tamén unha nova edición extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, que este ano terán como prioridade principal a enogastronomía.

 

A este respecto, desde a Xunta explican que xa converteran ese ámbito no eixo do Plan Territorial para o período 2022-2025 ao considerar que é un dos recursos claves do modelo turístico galego. O novo plan establece do 1 de abril ao 17 de maio o prazo para que tanto a Xunta directamente a través das Accións de Cohesión entre Destinos como os axentes locais a través dos Plans de Sustentabilidade en Destino presenten os seus proxectos ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.