Máis de 1 M€ para melloras na eficiencia enerxética na rede pública de albergues do Camiño de Santiago

Máis de 1 M€ para melloras na eficiencia enerxética na rede pública de albergues do Camiño de Santiago

  • A Xunta impulsa estas actuacións que inclúen traballos de instalación de placas fotovoltaicas en 34 albergues.
  • Tamén se realizarán melloras no illamento exterior, reparación e substitución de elementos relacionados coa accesibilidade.

Durante 2024, a Xunta de Galicia centrarase na mellora da eficiencia enerxética da rede pública de albergues do Camiño de Santiago cun investimento superior ao 1M€, dentro da planificación anual do Turismo de Galicia para o mantemento e conservación dos albergues públicos da rede.

 

En concreto, realizaranse actividades de mellora nun total de 34 albergues en 7 itinerarios: 14 no Camiño Francés, 5 no Camiño Fisterra-Muxía, 5 na Vía da Prata, 4 no Camiño Portugués e do Litoral Portugués, 3 no Camiño Inglés e 2 do Camiño do Norte.

 

Entre as actuacións, está previsto realizar traballos dentro e fóra dos albergues: pintado, mellora de illamento, corrección de humidades, substitución de azulexos, instalación de baños accesibles e, sobre todo, mellora da eficiencia enerxética coa instalación de paneis fotovoltaicos para reducir o consumo enerxético.