Os peregrinos supoñen o mesmo impacto económico que 2,3 turistas convencionais

Un estudo da USC analiza o impacto económico do Camiño de Santiago, especialmente nos concellos do rural, onde supón unha oportunidade de desenvolvemento

“Á luz das primeiras conclusións imos ser aínda máis conscientes da relevancia do Camiño de Santiago para todos os galegos que viven preto”. Así se expresaba a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, tras coñecer as primeiras conclusións do informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela sobre o impacto económico do Camiño de Santiago. Un informe, elaborado a partir dun amplo traballo de campo, que permitiu establecer conclusións como que os peregrinos concentran o 2,3% do gasto turístico na Comunidade, pero á vez cada un deles supón o mesmo impacto económico que 2,3 turistas ou que cada euro de gasto dos camiñantes xera ata un 11% máis de produto e ata un 18% máis de emprego, influíndo nos ingresos dos concellos e na súa calidade de vida

Impacto positivo e sen conflitos entre os residentes

Esta investigación, incluída nos compromisos do Plan director do Camiño, é froito da colaboración entre o Goberno autonómico e o Grupo de Análise e Modelización Económica do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC. A través dela púidose profundar no impacto, especialmente no rural, do Camiño de Santiago, concluíndo que a caída demográfica común ao rural galego vese atenuada naqueles puntos polos que pasa a Ruta Xacobea, que é percibida positivamente polos veciños destas poboacións, que foron enquisados como parte do traballo.

Os veciños aprecian impactos económicos favorables nos ingresos e nivel de vida dos seus municipios, o comercio local, as posibilidades de emprego ou a actividade turística. Ademais, non notan impactos negativos. Perciben que o Camiño de Santiago non prexudica a outras actividades e que os seus beneficios son para residentes do propio concello.

Para obter estas valoracións, as entrevistas do estudo da USC centráronse principalmente no Cebreiro e Melide polas súas características dentro do Camiño Francés, como o concello máis envellecido e o máis novo, que ademais son opostos en densidade de poboación.

Estes primeiros resultados do informe foron presentados nun acto no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino polo profesor Melchor Fernández, que dirixiu o estudo xunto a Dores Riveiro, membros do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia e en coordinación cos técnicos especialistas da área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia. Ademais, participaron nesta presentación o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, o director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e representantes de institucións públicas, da Catedral de Santiago, de colectivos xacobeos e do sector turístico galego.

Exemplo de sustentabilidade

Finalmente, os primeiros resultados obtidos consignan un impacto ambiental positivo, pois a poboación local considera que o Camiño de Santiago contribúe a preservar a paisaxe e non xera un problema de xestión de residuos nin aumenta a contaminación ambiental.

“Para apreciar unha realidade é imprescindible coñecela. Iso estamos a facer: coñecer máis a fondo o Camiño de Santiago, o noso elemento identitario máis internacional”, afirmou Nava Castro, quen avanzou que os responsables do estudo seguirán traballando para, no menor tempo, achegar novas conclusións relacionadas coa percepción dos peregrinos sobre a súa experiencia, os seus perfís, as súas dinámicas e as variables que implican os seus fluxos.