Os establecementos de Turismo Slow Norte de Galicia poderán formar parte de xeito directo do Club de Produto Galicia Destino Sostible

Os establecementos de Turismo Slow Norte de Galicia poderán formar parte de xeito directo do Club de Produto Galicia Destino Sostible

  • O presidente do Clúster Turismo de Galicia interveu na presentación do acordo entre as Mancomunidades de Concellos da Mariña e Ferrolterra para a inclusión de Turismo Slow Norte de Galicia en Galicia Destino Sostible.
  • A pertenza a Turismo Slow Norte de Galicia pasará a considerarse un criterio habilitante para formar parte de Galicia Destino Sostible.

O salón de plenos do Concello de Ourol acolleu o pasado xoves, 14 de marzo, a presentación do acordo entre as Mancomunidades de Concellos da Mariña e Ferrolterra e o Clúster de Turismo de Galicia para a inclusión como criterio habilitante para adherirse ao club de produto Galicia Destino Sostible pertencer ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia.

 

Galicia Destino Sostible, iniciativa do Clúster de Turismo de Galicia coa colaboración de Turismo de Galicia, naceu en 2022 co obxectivo de integrar a oferta turística sostible da comunidade,  poñendo en contacto ás empresas adheridas con turistas interesados nunha experiencia comprometida co desenvolvemento local, co bo uso dos recursos naturais e co apoio á cultura, ao patrimonio histórico e á tradición.

 

O presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, agradeceu o interese de Turismo Slow Norte de Galicia no club de produto e destacou a importancia de “sumar esforzos para avanzar xuntos”. Ademais, subliñou o peso que ten o turismo na consecución dos obxectivos da Axenda 2030 a través da transición cara un modo de viaxar máis respectuoso coa natureza, coa sociedade e coa economía local.

 

Para a formar parte de Galicia Destino Sostible, as empresas deben cumprir unha serie de requisitos que garanten a súa vinculación coa sostibilidade e que supoñen un compromiso de mellora continua. Con este acordo, e debido ás singulares características dos establecementos adheridos a Turismo Slow Norte de Galicia, as empresas que forman do proxecto poderán integrarse de maneira directa en Galicia Destino Sostible, ampliando así a ampla oferta turística coa que conta o club.

 

Actualmente forman parte de Galicia Destino Sostible preto de 90 empresas entre aloxamentos, restaurantes, axencias de viaxe e provedores de oferta turística complementaria que ofrecen máis de 150 produtos de diferentes tipoloxías.

 

Pardal  tamén destacou o compromiso do tecido empresarial galego coa sostibilidade no sentido máis amplo, e defendeu a aposta por un sector que coida a natureza e o medio ambiente, a economía circular e a dixitalización, o desenvolvemento local e a posta en valor da cultura, da tradición, da lingua, da artesanía ou dos produtos de proximidade.

 

No acto celebrado en Ourol participaron representantes das Mancomunidades da Mariña e Ferrolterra, das empresas que levan adiante ambos proxectos (Turismo Slow e Destino Sostible) e do Concello anfitrión.