As previsións do sector turístico galego apuntan a unha ocupación do 80% para este verán

As previsións do sector turístico galego apuntan a unha ocupación do 80% para este verán

  • Nalgunhas zonas e en datas sinaladas as cifras poderían achegarse ao 90%.
  • Os profesionais do sector destacan o incremento dos viaxeiros internacionais na maior parte do territorio, vinculados ao Camiño de Santiago.

As previsións do sector turístico galego para este verán apuntan a uns niveis de ocupación do 80%, que nalgunhas zonas e en datas sinaladas poderían achegarse ao 90%. Son datos da sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia esta semana, na que as fontes consultadas coinciden en sinalar que o turista maioritario segue a ser de orixe nacional, aínda que destacan o incremento de viaxeiros internacionais,  especialmente estadounidenses, na maior parte do territorio e vinculados ao Camiño de Santiago.

 

No turismo rural tamén se esperan cifras de ocupación moi positivas, especialmente para o mes de agosto, cando algúns establecementos poderán colgar o cartel de completo.

 

Prezos

 

Respecto aos prezos, para o mes de xullo, os hoteis de 5 estrelas son os que rexistran as cifras máis elevados, chegando aos 280 euros; os hoteis de 4 estrelas alcanzan prezos máximos de 140 euros por noite, mentres que os de unha estrela sitúanse próximos aos 80 euros.

 

Nas pensións os custos medios por noite redúcense ata situarse entre os 55 e os 70 euros as de 1 e 2 estrelas. Nos cámpings, o custo medio por noite nos de primeira categoría está en torno aos 60 euros e nos de segunda categoría varía entre 130 e os 270 euros. No caso dos albergues, en función da categoría, os prezos oscilan entre os 25 aos 75 euros.

 

Previsións por zonas

 

En canto á previsión por zonas, na cidade da Coruña os hoteis estiman que a ocupación acadará o 88% no mes de xullo, unha cifra que se poderá incrementar ata o 92% en agosto. O mercado nacional segue a ser o maioritario na cidade herculina, onde representa en torno ao 80% dos viaxeiros.

 

Na Costa da Morte, as fontes consultadas agardan niveis de ocupación de ata o 95% en datas puntuais. Ademais, destacan o crecemento do turista internacional, especialmente o estadounidense, que pode chegar a situarse en torno ao 40%.

 

En Santiago de Compostela auguran unha boa tempada con ocupacións que, segundo ás previsións, roldarán o 80%. Apuntan que o verán 2024 rexistrará cifras similares ás do ano anterior, se ben se detecta un comportamento mellor da primeira quincena de xullo, na que historicamente se recollen cifras de ocupación menores. Na capital galega, tamén, se percibe un aumento do turismo internacional, especialmente dos mercados estadounidense e italiano.

 

En Ferrol e comarca as previsións tamén son optimistas, con ocupacións de en torno ao 85%. Neste territorio o mercado principal é o nacional, cun peso moi importante do Camiño Inglés e do turismo de surf.

 

Na provincia de Pontevedra sitúan a porcentaxe de ocupación en torno ao 82%. As fontes consultadas destacan o incremento de viaxeiros internacionais vinculados no Camiño de Santiago, cun crecente número de peregrinos centroeuropeos. En Sanxenxo están a detectar un bo ritmo de reservas, cunha previsión moi positiva de ocupación para os meses estivais, especialmente agosto.

 

Na provincia de Ourense a ocupación poderá alcanzar o 85%, grazas aos turistas interesados en percorrer Galicia e coñecer as bondades do interior (como as augas doces e termais ou a enoloxía).

 

As primeiras previsións na provincia de Lugo apuntan a un 65% de ocupación para o mes de xullo e un 75% para agosto. Espérase que estes datos aumenten nas próximas semanas, especialmente en datas sinaladas como o 25 de xullo. Nesta zona destacan, tamén, o crecemento progresivo de viaxeiros internacionais, especialmente procedentes de Portugal, Italia, Reino Unido, Irlanda e Francia.

 

Na Ribeira Sacra as previsións apuntan a unhas porcentaxes de ocupación do 80% e agardan  que o Camiño Francés e a crecente demanda do Camiño de Inverno favorezan as reservas na zona, onde se estima que a maioría dos turistas sexa de orixe nacional.