As oportunidades que abre o AVE, a debate este venres en Ourense

Os exministros José Blanco e Ana Pastor, e o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, son algúns dos expertos convidados a participar no foro organizado pola Xunta.

 

A posta en funcionamento hai escasas semanas do tren de alta velocidade que une Madrid con Ourense abre un novo escenario en canto a mobilidade e oportunidades de desenvolvemento e mellora da competitividade de Galicia. A análise desta nova situación é o obxectivo do foro de debate organizado pola Xunta de Galicia para o venres 14 de xaneiro en Expourense baixo o título de “Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades” e que reunirá a un grupo de destacados relatores, como os  exministros José Blanco e Ana Pastor, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

 

Un dos aspectos concretos que serán abordados no foro é o das consecuencias que o Ave terá para o sector turístico. Será neste apartado onde Cesáreo Pardal terá ocasión de intervir xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e dar resposta á intención da Xunta de que o sector turístico e empresarial se implique de xeito activo na activación de recursos e iniciativas que permitan sacar o máximo partido ao AVE.

 

O catedrático de Ferrocarrís da Universidade da Coruña Miguel Rodríguez Bugarín e o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, ocuparanse de analizar as actuacións aínda pendentes e necesarias para completar a chegada do AVE ao resto das cidades galegas. Tamén intervirá no foro o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites. As actividades serán inauguradas pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e clausuradas polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.