As empresas turísticas xa poden adherirse á nova campaña do bono turístico #DescubreGaliciaenOutono

As empresas turísticas xa poden adherirse á nova campaña do bono turístico #DescubreGaliciaenOutono

  • Poderán participar as empresas do sector turístico de Galicia dadas de alta no REAT no momento da publicación da convocatoria.
  • O prazo de adhesión de establecementos remata o 2 de decembro de 2024.

Arranca unha nova campaña do bono turístico #DescubreGaliciaenOutono coa apertura do prazo de adhesión de empresas. Poderán participar as empresas do sector turístico de Galicia dadas de alta no REAT no momento da publicación da convocatoria, que formen parte de establecementos turísticos de aloxamento (establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos) e axencias de viaxe.

 

As empresas que desexen adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos deberán rexistrarse na web www.bonoturismo.gal indicando a información solicitada. Unha empresa que xa estivo adherida á campaña bono turístico do ano 2023 debe volver adherirse, cos datos requiridos, para poder participar na campaña 2024. O prazo de adhesión de establecementos remata o 2 de decembro.

 

Funcionamento do bono

 

O bono turístico terá formato dixital a través dun código QR, ten carácter persoal e intransferible e exixe prepagamento. O bono está cofinanciado entre a persoa beneficiaria (que achega o 60%) e a Administración (que achega o 40%). O importe máximo do bono é de 150 euros, que se poderán consumir entre o 10 de setembro e o 25 de decembro de 2024.

 

Unha vez se teña validado que a persoa beneficiaria achega o cofinanciamento requirido, esta estará habilitada para a descarga do bono correspondente. A descarga dos bonos realizarase a partir do 4 de xullo ás 09.00 h a través da web www.bonoturismo.gal e, nese momento, enténdese concedida a axuda. Cada persoa poderá dispoñer de ata dous bonos.

 

Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, as persoas titulares de establecementos turísticos terán que descargar no seu móbil a APP bonos turísticos.

 

No momento de abono do gasto correspondente ao aloxamento, as persoas titulares dos establecementos turísticos terán que introducir na APP o importe e o concepto do gasto, aparecendo automaticamente o importe que se vai cobrar (unha vez aplicado o desconto). As persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final do gasto realizado.