As axencias de viaxes xa poden acceder a novas axudas para sufragar os gastos dos seus locais

As axencias de viaxes xa poden acceder a novas axudas para sufragar os gastos dos seus locais

O prazo para optar aos 350.000 euros que destina a Xunta a esta segunda convocatoria de subvencións estará aberto ata o 11 de outubro

 

A Xunta acaba de lanzar unha nova convocatoria de subvencións destinadas a axudar ás pequenas e medianas axencias de viaxes a sufragar os gastos de alugueiro e mantemento dos seus locais. A iniciativa presentada nas dependencias de Viaxes Ría do Burgo (Cambre) pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co presidente do Agrupación industrial Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Rivadulla, está dotada con 350.000 euros.

 

Os interesados en beneficiarse destas axudas dispoñen ata o 11 de outubro de prazo para presentar as súas solicitudes a través do formulario habilitado na web  https://sede.xunta.gal. A convocatoria está dirixida a axencias de viaxes con domicilio social e fiscal en Galicia e permitirá incluír gastos derivados do alugueiro ou dos préstamos hipotecarios sobre os locais nos que desenvolven a súa actividade. As axudas serán do 90 % para un gasto subvencionable de ata 10.000 euros e do 80 % cando se supere ese importe.

 

Desde a Xunta destacan que esta segunda liña de axudas engádese aos 1,2 millóns de euros da primeira convocatoria, o que sumado a outras medidas destinadas tamén ao sector eleva a case 4 millóns de euros a inxección económica autonómica realizada nas axencias de viaxes durante este ano.

 

Nava Castro destacou durante o acto de presentación da iniciativa o papel clave que as axencias de viaxes desenvolven no seo das empresas de servizos turísticos e puxo en valor a resiliencia mostrada durante a crise propiciada pola pandemia.