As 53 adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas recibiron máis de 97 mil visitantes en 2016

As 53 adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas recibiron máis de 97 mil visitantes en 2016

As 53 adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas, incluída no Club de Produto das Rutas do Viño de España, recibiron un total de 97.813 persoas durante 2016, unha cifra á que se lle suman as máis de catro mil visitas rexistradas no catro museos, o que supón que as visitas totais a este itinerario turístico foron de 101.907 persoas durante este ano, un 14,9% máis que en 2015. Esta cifra confirma a tendencia á alza no número de visitantes que, ano a ano, recibe a Ruta do Viño Rías Baixas. Cifras que melloraron neste último ano, cunha media de visitantes por adega de 1.845,52, case 300 máis que en 2015.

Estes datos extráense de informe anual de visitas a adegas e museos desagregadas por subzonas que elabora a Ruta do Viño Rías Baixas, datos que fan que a Ruta albergue boas expectativas para este 2017. “Ata agora, a impresión xeral por parte das adegas asociadas é que houbo maior número de turistas e esperan que durante o verán as cifras incrementen moito máis”, explica a xerente, Lorena Varela.

Por subzonas, Val do Salnés segue sendo a máis percorrida con 88.298 visitas rexistradas ás 35 adegas asociadas durante 2016, seguida do Rosal, con 6.666 turistas; Condado do Tea cun total de 2.479 persoas e Ribeira do Ulla con 370 visitantes durante 2016. A xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, Lorena Varela, conclúe que estas cifras “anímannos a seguir traballando por mostrar a nosa ampla oferta enogastronómica aos visitantes”.