A Xunta e o Clúster seguirán colaborando para aumentar a implantación do selo Q de Calidade

A Xunta e o Clúster seguirán colaborando para aumentar a implantación do selo Q de Calidade

Asinarán un convenio trianual dotado con 630.000 euros para afianzar o crecemento de Galicia como destino turístico de excelencia.

 

A Xunta de Galicia e o Clúster Turismo de Galicia renovarán a súa colaboración para impulsar a implantación da certificación Q de Calidade Turística no sector galego. Así se puxo de manifesto na última reunión semanal do Goberno autonómico, na que se deu o visto e prace á firma dun novo convenio entre a Axencia Turismo de Galicia e o Clúster cunha duración de 3 anualidades, un importe total de 630.000 euros e o obxectivo principal de facer que “Galicia siga crecendo como destino turístico de excelencia”.

 

O Clúster prestará en virtude deste convenio asesoramento e apoio tanto ás empresas que teñan que renovar este recoñecemento que concede o Instituto para a Calidade Turística Española, como a aquelas que aspiren por primeira vez á certificación e que deban superar as auditorías correspondentes. Desde a Xunta destacan a importancia da colaboración pública privada e o papel crave que neste proceso xoga o Clúster como entidade que representa á maior parte do tecido turístico galego.

 

A Q de Calidade Turística é un selo recoñecido no ámbito nacional e internacional e que en Galicia conta xa cunha ampla implantación. O 2020 foi o ano en que Galicia sumou máis novas certificacións e con 328 volveu revalidar a segunda posición no conxunto das comunidades autónomas de toda España, só por detrás de Andalucía. Ademais, Galicia lidera varias categorías no ámbito estatal en canto a número de certificacións nas categorías tradicionais do sector (hoteis, restauración, axencias de viaxes, aloxamentos rurais, albergues turísticos, balnearios, portos deportivos, turismo activo e turismo industrial) e foi pioneira na implantación da Q de Calidade en novas categorías como espazos senlleiros e aloxamentos sostibles.