A Xunta e o Clúster confían en que este 2022 marque novos récords para o sector turístico

A Xunta e o Clúster confían en que este 2022 marque novos récords para o sector turístico

Así o expresaron tanto Alfonso Rueda como Cesáreo Pardal na presentación da campaña Camiña a Galicia 2022.

 

O acto de presentación da campaña de promoción turística Camiña a Galicia 2022 celebrado en Ourense este sábado permitiu aos representantes públicos e privados facer balance da marcha do sector turístico durante o que vai de ano e desvelar as súas perspectivas para os meses que quedan por diante. Respecto diso, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Goberno autonómico está a traballar para que as cifras de visitantes durante o 2022 marquen novos récords en Galicia. Rueda desvelou que durante esa xornada estaba prevista a entrega da compostela 100.000 e detallou que confían en superar a final de ano a cifra récord de 347.000 compostelas alcanzada no 2019. O presidente da Xunta sinalou que o impulso que para o sector supoñen a liña do AVE e o regreso dos turistas internacionais permitirán consolidar a súa recuperación.

 

“Son moitas as expectativas que o sector turístico ten postas neste ano 2022. En 2021 retomamos o camiño da recuperación despois de meses moi complicados e conseguimos liderar a recuperación turística do conxunto do Estado”, ratificou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, durante a súa intervención no acto celebrado en Ourense. “Hoxe continuamos ese camiño convencidos de que pode ser un ano histórico para o turismo galego. Un convencemento avalado polos máis de 4 millóns de turistas que nos visitaron en 2021 e os bos resultados da pasada Semana Santa, cun nivel de ocupación que superou o 80% e alcanzou niveis  prepandemia nalgunhas zonas”, engadiu Cesáreo Pardal para apuntar que estes bos resultados son o froito de sumar o esforzo do sector, a colaboración público-privada e o compromiso da sociedade. “Xuntos consolidamos en 2021 a imaxe de Galicia como un destino seguro e de calidade co Camiño de Santiago como eixo central da nosa oferta turística. O pasado ano a campaña Camiña a Galicia convocou a toda España a probar esta experiencia. E tanto os galegos como os turistas de ámbito nacional responderon á convocatoria”.

 

Esta nova campaña volve apostar, en palabras de Alfonso Rueda, polos grandes atractivos desta terra. “Ensinamos o mellor de Galicia no mellor momento para facelo e no momento máis necesario”, apuntou o presidente da Xunta antes de referirse a aspectos como as 900 praias coas que conta Galicia, as súas 112 bandeiras azuis, os 1.600 quilómetros de costa; a súa potencia termal, as sete reservas da biosfera declaradas pola Unesco; as 160 festas de interese turístico, e as 10 rutas xacobeas con máis de 380 Bens de Interese Cultural e nas que se mesturan as culturas de 180 países.

 

“Desde o Clúster Turismo de Galicia aplaudimos o lanzamento de Camiña a Galicia 2022 para difundir este dobre Xacobeo fóra das nosas fronteiras”, apuntou así mesmo Cesáreo Pardal: “Estamos seguros que seguirá a senda do éxito da campaña anterior porque, entre outras cousas, o Camiño encaixa con modelo de turismo tranquilo, non   masificado e en contacto coa natureza que demandan turistas e peregrinos no novo contexto pospandemia. E neste ámbito Galicia ofrece un amplo abanico de posibilidades de experiencias turísticas de desconexión, turismo rural e gastronómico, marítimo, experiencias ao aire libre cunha aposta clara pola sustentabilidade, un aspecto cada vez máis demandado polo viaxeiro”.