A Xunta e o Clúster pechan o proceso de consulta para elaborar a Estratexia Turística de Galicia 2024-2030 con 1.000 participantes

A Xunta e o Clúster pechan o proceso de consulta para elaborar a Estratexia Turística de Galicia 2024-2030 con 1.000 participantes

  • Un total de 400 axentes privados e públicos do sector participaron nas 20 mesas de traballo celebradas desde outubro e outros 600 o fixeron a través de enquisas online.
  • O director de Turismo, Xosé Merelles, e o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, participaron o martes na xuntanza de peche deste proceso destacando a elevada participación.
  • A información recollida permitirá elaborar un diagnóstico do sector que servirá de base para deseñar a planificación turística dos vindeiros anos.

 

Máis de 400 axentes privados e públicos do sector turístico participaron nas 20 mesas de traballo organizadas polo Clúster Turismo de Galicia e Axencia de Turismo como parte do proceso participativo para elaborar a Estratexia Turística de Galicia 2014-2030. Á información recabada nestes encontros presenciais, súmase á recollida nas preto de 600 enquisas online que se recibiron durante o proceso e coas que se buscou dar cabida a todos os profesionais do sector que quixeron participar.

 

O director de Turismo, Xosé Merelles, e o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, asistiron este martes á xuntanza de peche deste proceso destacando a elevada participación. Cesáreo Pardal puxo en valor a alta porcentaxe de participantes do sector privado, tanto nas mesas presenciais como a través da consulta online e salientou que “ese era un obxectivo prioritario” e que “grazas á información recabada teremos unha foto actual do sector, retos, demandas e oportunidades parar poder elaborar a futura Estratexia Turística de Galicia ata finais desta década”.

 

Pola súa banda, Xosé Merelles sinalou que esta futura folla de ruta dará continuidade “ao excelente traballo levado a cabo nos últimos anos nos que neste 2023 o turismo galego superou as expectativas iniciais con creces”. Neste sentido, recordou que a Estratexia Galicia Destino Seguro posta en marcha no marco da pandemia e que remata este ano “foi unha moi eficaz ferramenta que nos permitiu unha recuperación progresiva e un fortalecemento do sector”.

 

O obxectivo deste proceso participativo é recoller información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da comunidade e elaborar un diagnóstico sobre a situación do sector que servirá de base para deseñar a planificación turística dos vindeiros anos. Con esta finalidade a organización das mesas territoriais atendeu á prioridade de abranguer os diferentes xeodestinos existentes e poder recoller as diversas realidades existentes en Galicia no eido turístico.

 

No proceso participaron administracións e institucións públicas, así como iniciativas empresariais privadas e entidades asociativas coa finalidade de achegar a súa opinión ó respecto das necesidades e retos do sector. Cómpre destacar a participación maioritaria do sector privado, que nas mesas territoriais representou o 43% e nas consulta online o 67%, seguidos en ambos os casos de entidades públicas, asociacións e expertos.

 

Ademais, en colaboración coas tres universidades galegas, elaborarase unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia, analizando polo miúdo os recursos que constitúen parte da súa oferta diferencial. Esta análise abordará tamén a evolución cualitativa e cuantitativa do sector no período 2016-2023.

 

Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo buscan con este estudo coñecer a foto actual do sector nun momento marcado polos cambios nos hábitos dos turistas, con tendencias marcadas pola sustentabilidade e a dixitalización. Estas cuestións abordáronse no diagnóstico xunto con outros tres aspectos chave: a oferta, analizando polo miúdo os recursos de Galicia que constitúen parte da súa oferta diferencial; a demanda, co obxectivo de coñecer a súa evolución nos últimos exercicios; e a cadea de valor turística de Galicia, delimitando o sector turístico desde un punto de vista empresarial.