A Xunta renova a aposta pola marca Q de Calidade nos servizos turísticos cun investimento de 450 mil euros para este ano

A Xunta renova a aposta pola marca Q de Calidade nos servizos turísticos cun investimento de 450 mil euros para este ano

Co obxectivo de finalizar o 2019 cun mínimo de 229 establecementos, a Xunta destinará unha partida de 450 mil euros ao impulso da Marca Q de calidade nos establecementos e servizos turísticos de Galicia, un investimento que levará a cabo conforme ao convenio entre a Consellería de Cultura, a través da Axencia Turismo de Galicia, e o Clúster de Turismo de Galicia. A través de tres anualidades, o convenio persegue establecer as bases de colaboración para a implementación, difusión e promoción dos servizos turísticos de Galicia, coa marca Q de Calidade Turística a través do apoio ás empresas que están inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta.

Como en anteriores ocasións, o apoio ás empresas turísticas materializarase en asesoramento mediante a súa preparación para estar en condicións de superar a auditoría externa que resulta necesaria para despois obter a Q de calidade turística. Ademais de asesorar ás empresas inscritas no REAT para que alcancen a certificación da marca Q de Calidade, o Clúster Empresarial de Turismo de Galicia comprométese a conseguir un mínimo de 20 novas empresas certificadas e a axudar ao mantemento das entidades.

O investimento previsto pola Xunta repartirase en gastos de asistencia técnica externa para a coordinación das actuacións, para a que se destinarán 15.000 euros cada ano, e o impulso na consecución de novas certificacións e o seguimento e renovación das xa existentes, con 405.000 euros repartidos en tres exercicios. Este novo convenio enmárcase na Estratexia Turismo Galicia 2020 que establece a calidade como factor de diferenciación das empresas turísticas e constitúe unha liña de actuación imprescindible na nova forma de enfocar a estratexia competitiva do sector turístico galego.

Con 282 distincións, nove máis que no exercicio 2017, Galicia sitúase como a segunda comunidade autónoma neste tipo de certificacións en 2018. Ademais, Galicia é tamén a comunidade con máis hoteis certificados de toda España e líder en instalacións náutico-deportivas con Q de Calidade en España e en establecementos de turismo rural distinguidos.