A Xunta deseña a segunda fase do Plan estratéxico da náutica recreativa, co horizonte posto en 2020-2028

A Xunta deseña a segunda fase do Plan estratéxico da náutica recreativa, co horizonte posto en 2020-2028

Dando continuidade á folla de ruta do sector turístico náutico, a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a traballar no deseño da segunda fase do Plan Estratéxico da Náutica Recreativa (PENR), que amplía o vixente 2012-2020 ao período 2020-2028, establecendo así a estratexia para a náutica de recreo de face á próxima década.
Para a elaboración desta nova fase do PENR, Portos de Galicia organiza o 6 de abril unha xornada informativa ao sector que tentará presentar e acordar as liñas directrices establecidas polo ente público. A xornada estará presidida pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e contará con 200 invitados entre institucións, entidades náuticas, clubs, empresas e especialistas do sector da náutica de recreo.
O programa da xornada conformarano diversos relatorios tanto por parte da directiva técnica de Portos de Galicia, que exporá a estratexia proposta pola Administración pública, como por parte de especialistas do sector náutico pertencentes ao ámbito da empresa privada e o asociacionismo náutico. Nestas intervencións abordaranse temáticas como o novo modelo de xestión portuaria, a sustentabilidade, os proxectos náuticos transfronteirizos ou o negocio da náutica de recreo e estarán a cargo de Felipe Barros, que Serumano; Manuel Soliño, presidente de AGAN, que abordará os proxectos náuticos transfronteirizos e Manuel Cameáns, que abordará o negocio náutico.
Desde o ano 2012, Portos de Galicia vén aplicando o PENR que funciona como directriz única para a xestión e planificación da oferta náutica recreativa de Galicia. Neste documento recóllense non só os aspectos relativos ás infraestruturas, senón tamén ás fórmulas de xestión, responsabilidade social corporativa, sustentabilidade ambiental e promoción pública, entre outros.