A Xunta de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia presentan o programa “Turismo 100×100″

A Xunta de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia presentan o programa “Turismo 100×100”

Os establecementos turísticos galegos terán acceso gratuíto a asesoramento e consultoría ‘on line’

 

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, dixo hoxe que “estamos nun momento no que non abonda con ter un dos mellores e máis seguros destinos” pero é necesario “traballar xuntos en obxectivos comúns e compartidos e promover máis aínda a colaboración público-privada ”.

Cesáreo Pardal fixo estas declaracións durante a presentación do programa “Turismo 100×100”, promovido polo Clúster e a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Turismo, a través do cal os establecementos da Comunidade poderán acceder a un sistema de consultoría e asesoramento en liña. .

A presentación tivo lugar no Albergue Ideas Peregrinas de Tui, e contou coa presenza do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, e da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Alfonso Rueda destacou na súa intervención que o sector “está a saber facer cousas” en Galicia e animou “a afondar na idea de que Galicia é un destino seguro, cun turismo moi en contacto coa natureza e pouco masificado”.

O vicepresidente da Xunta, que resaltou a importancia de poñer a disposición dos establecementos servizos compartidos como asesoramento e consultoría, reiterou que a Xunta está “á disposición do sector”, porque “imos gastalo xuntos”.

Os establecementos adheridos ao programa “Turismo 100×100” recibirán asesoramento individualizado en aspectos como mercadotecnia, finanzas, planificación estratéxica ou lexislación, de equipos multidisciplinares de expertos. Unha vez que se envía a consulta, o Clúster asigna aos asesores máis adecuados para cada caso e ponos a disposición do establecemento para o desenvolvemento dun máximo de cinco reunións ‘en liña’ de dúas horas de duración cada unha.