A Xunta de Galicia amplía o programa Xacobeo Xove a 2024 e incorpora a mocidade de toda España en idade escolar

A Xunta de Galicia amplía o programa Xacobeo Xove a 2024 e incorpora a mocidade de toda España en idade escolar

  • Poderán beneficiarse os mozos de entre 12 e 30 anos de todo o país que teñan Carné Xove. Os que sexan menores, deberán ir acompañados dun adulto.
  • Agora, ademais de axencias minoristas tamén poderán participar as maioristas para vender desde Galicia os seus paquetes turísticos a empresas de fóra da Comunidade.

 

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o pasado xoves, 16 de novembro, a prorrogación do programa Xacobeo Xove, a iniciativa que promove a experiencia do Camiño de Santiago entre a mocidade a través de descontos en paquetes deseñados por axencias de viaxe galegas para calquera dos itinerarios xacobeos.

 

O Xacobeo Xove renóvase, deste xeito, ata novembro de 2024, e ampliará o número de beneficiarios ao incluír tamén os mozos en idade escolar e os de fóra de Galicia. O programa estende agora o rango de idade, que pasa dos 18-30 anos actuais, aos 12-30 anos, sempre que os menores estean acompañados por adultos.

 

Ademais disto, para realizar os paquetes turísticos, xunto ás axencias minoristas galegas, tamén se engaden as axencias maioristas galegas, que poderán ofrecer os paquetes que comercialicen a axencias minoristas que operen noutras comunidades autónomas, polo que se poderán beneficiar tamén grupos de fóra de Galicia.

 

O programa Xacobeo Xove é unha iniciativa financiada por Turismo de Galicia que se puxo en marcha o mes de xullo en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, o Clúster Turismo de Galicia, a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia (Agavil), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega) e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (Avipo).

 

O seu obxectivo é fomentar a peregrinación entre a poboación máis nova, contando coa colaboración das axencias de viaxe galegas que crean paquetes turísticos nos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago para os usuarios do Carné Xove, e cun prezo especial, que inclúe un desconto de 200 euros sobre o prezo habitual.

 

Desde a súa posta en marcha xa están activos máis de 60 paquetes turísticos que se poden consultar a través da páxina www.xacobeoxove.com, onde tamén se poden consultar os requisitos e desde onde as empresas poden unirse ao programa. Para calquera dúbida ou cuestión podes consultar a páxina oficial do programa Xacobeo Xove ou contactar na dirección de correo xacobeoxove@clusterturismogalicia.com ou no teléfono 881 505 103.