A Xunta convoca a liña anual de axudas para a mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos

A Xunta convoca a liña anual de axudas para a mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos

  • Dirixidas a establecementos de aloxamento e de restauración.
  • O prazo de presentación de axudas, cun presuposto de 3,5 M€, está dispoñible ata o 19 de febreiro a través da sede electrónica da Xunta.

 

O Diario Oficial de Galicia publicou a semana pasada a convocatoria de axudas anual que sufragan as actuacións de accesibilidade, dixitalización ou modernización que fagan os establecementos turísticos galegos. Trátase dunha liña de axudas cun presuposto de 3,5 M€, dispoñible tanto para establecementos de aloxamento como de restauración, incluíndo establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, albergues turísticos, e restaurantes inscritos e clasificados no REAT.

 

As subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva, e as empresas teñen ata o 19 de febreiro para presentar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, código de procedemento TU503A.

 

Considéranse actuacións subvencionables as destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; obras de mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística; actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría; actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación; equipamentos mobles necesarios para o funcionamento; actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire; actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento; e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

 

O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. Os criterios de valoración terán en conta a antigüidade, o grao de investimento, o impacto no emprego, o tamaño da entidade ou da empresa, que a empresa ou entidade estea en posesión dalgún certificado de calidade ou dalgunha certificación ambiental internacionalmente recoñecida referida ao establecemento para o cal se pide a axuda, ou que a empresa ou entidade teña implantado un plan de formación/plan de igualdade.