Os establecementos e as axencias de viaxes interesadas en participar nesta convocatoria dotada con 1,5 millóns de euros poderán presentar as súas solicitudes a partir do 9 de marzo.
A Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, xa ten lista a convocatoria para este ano 2022 do bono turístico Quedamos en Galicia. Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, mañá, 9 de marzo, abrirase o prazo para que as empresas do sector turístico interesadas en participar presenten as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/portada
O texto publicado no DOG lembra que o bono Quedamos en Galicia naceu no ano 2020 como exemplo da colaboración público-privada e dunha alianza estratéxica entre Turismo de Galicia e o Clúster Turismo de Galicia cuxos resultados foron valorados de forma positiva polo sector debido a que permitiu contrarrestar as consecuencias da crise da covid e incrementar a demanda. O feito de que a pandemia siga aínda presente impulsa esta nova convocatoria, que está dotada cunha achega de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta e que podería incrementarse aínda máis con máis recursos autonómicos e doutras entidades que queiran sumarse á iniciativa.
O bono turístico consiste nunha tarxeta prepago que as persoas beneficiarias poderán empregar para abonar unha parte dos servizos que contraten nos establecementos turísticos e nas axencias de viaxes que se adhiran ao programa a través da convocatoria que se abrirá mañá. Os negocios interesados en participar poden solicitar máis información a través do teléfono 900 815 334 ou escribindo a info-galiciadestinoseguro@xunta.gal